Unha ruta entre pseudónimos

Barreiros e Lourenzá organizan unha actividade guiada o vindeiro 7 de maio que unirá os dous concellos arredor da figura de Francisco Fernández del Riego
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Isabel Vilalba, Rocío López, Ana Ermida e Daniel García, na presentación. EP

Os concellos de Barreiros e Lourenzá organizan para o vindeiro 7 de maio unha actividade guiada arredor da figura de Francisco Fernández del Riego, o autor laurentino homenaxeado este ano polas Letras Galegas. Baixo o título De Cosme Barreiros a Salvador Lorenzana desenvolverase unha ruta guiada entre os dous concellos lembrando os dous pseudónimos utilizados polo escritor, á que seguirá unha visita tamén guiada por Vilanova.

Na presentación estiveron as alcaldesas de Barreiros e Lourenzá, Ana Ermida e Rocío López; Isabel Vilalba, membro da Mesa Coordinadora Don Paco; e o concelleiro barreirense de Dinamización e Participación Veciñal, Daniel García

A ruta a pé partirá de Vilamartín Grande, en Barreiros, ás dez da mañá e irá ata Lourenzá percorrendo o tramo do Camiño Norte que une os dous concellos. Durante os nove quilómetros que ten, persoal de turismo das dúas administracións locais irá explicando detalles do territorios que se atravesa e do propio Del Riego. Unha vez en Lourenzá, a onde se prevé que os participantes cheguen sobre as doce do mediodía, haberá unha recepción no consistorio antes de iniciar unha visita guiada a cargo de Manuel Román Ramos e José Manuel García baixo o título Dous pseudónimos, un persoeiro de referencia para a nosa lingua

Para asistir a esta actividade é preciso inscribirse antes do 4 de maio. Para facelo están dispoñibles os teléfonos 982.12.41.06 en Barreiros e 982.12.10.06 e 634.89.81.33, en Lourenzá.

As persoas inscritas contarán con servicio de autobús desde Lourenzá. 

Comentarios