Rubén Blanco: "A miña ilusión máis grande é ver feita unha cámara para 15.000 toneladas de peixe"

A empresa Pescados Rubén é unha referencia a nivel galego, e incluso nacional, na compra, procesado e venda de peixe. O seu fundador, Rubén Blanco, lembra a ilusión dos comezos, celebra a consolidación no presente e mira con optimismo cara o futuro, cos seus tres fillos dando continuidade ao legado familiar.

Rubén Blanco. X.L
photo_camera Rubén Blanco. X.L.

O suministro de grandes áreas comerciais e mercados centrais de peixe é un dos puntos fortes da empresa mariñana Pescados Rubén SL, pero o seu fundador, Rubén Blanco Fernández, ve fundamental seguir dotando as instalacións do mellor material posible, que xa é agora de primeiro nivel, para ampliar e mellorar a cantidade e calidade na oferta de peixe e marisco, tanto en fresco coma en conxelado. 

Que lle parece a iniciativa de El Progreso de recoñecer aos lucenses do ano e que vostede estea entre os escollidos? 
Pois todo o que sexa recoñecemento dentro da provincia ou do pobo está moi ben. Moitas veces parece que o traballo ou os éxitos se valoran menos canto máis preto se teñen. 

Pescados Rubén é unha firma de éxito e plenamente consolidada na actualidade, pero todo empresario tivo un comenzo. 
Levo máis de 40 anos comprando peixe no porto de Burela. Primeiro tiven unha cetárea de marisco porque non había onde botalo e despois fixen a empresa. Daquela éramos nove persoas, pero en dous anos xa pasamos a 27 e así fomos avanzando ata as case 120 que hai agora e incluso bastantes máis en épocas de moito peixe, como na tempada da cabala. 

Garda vostede bos recordos daqueles anos ou non é dos que pensa que calquera tempo pasado foi mellor? 
Pois se che digo a verdade bótoos de menos. Con 27 persoas facíamos o mesmo traballo que agora se fai con 100, e por riba con medios moito máis limitados, pero o ambiente de traballo era moi bo. Aínda que o esforzo era máximo porque se cargaban os camións á man, pero a xente parece que traballaba máis a gusto. 

Empezamos hai máis de 40 anos sendo nove persoas, pero en menos de dous anos xa tiñamos 27 traballadores

Imaxino que ter bos clientes tamén axudou a ir medrando. 
Pois si. Eroski estivo con nós dende o principio e aí segue, pero tamén había pequenos clientes moi bos que pagaban ao día, algo que agora non se leva. Tamén o traballo con Alcampo nos deu moito impulso e con outras grandes áreas comerciais e mercados. 

Pensaba que podía chegar tan lonxe ou está sorprendido polo alcance de Pescados Rubén? 
Unha empresa está pedindo sempre e hai que irlle dando. Cada ano fomos avanzando porque o perigo de estancamento está presente e pásanche por riba en canto te descoidas. A evolución ten que ser continua e grazas aos meus fillos isto foi posible. 

Incluso apostaron pola expansión internacional. 
A miña filla, Conchita, foi a encargada de levar adiante esta aposta, con especial interese en Latinoamérica. Agora mesmo a nosa facturación no comercio co estranxeiro representa un volume moi importante dentro do total da empresa. 

Sempre fala dos seus fillos con moito orgullo. 
Claro, agora son eles os que están ao cargo de todo, eu xa non mando nada (risas). Son emprendedores e non se queren quedar atrás, algo fundamental para que a empresa siga medrando. 

A empresa cada ano pide cousas novas, se te estancas e te descoidas pásanche por riba

Está claro que Pescados Rubén goza de boa saúde, pero seguro que aínda lle quedan moitos obxectivos por cumplir, pódenos dicir algún? 
Pois a miña grande ilusión —e non quería morrer sen levalo a cabo— é facer unha cámara para 15.000 toneladas de peixe. Levo tres anos buscando unha ubicación e pelexando coas institucións, pero parece que non hai moito interese en darlle traballo á xente. En xeral tratamos de seguir mellorando as instalacións, agora estamos instalando placas fotovoltaicas e algunhas outras cousas para dotalas de máis recursos. 

E como lle afectou a pandemia á empresa? 
Esta empresa é moi sinxela de entender. Cando hai peixe e cartos para compralo funciona ben e cando non hai peixe ou cartos pois non funciona tan ben. A pandemia fai que este equilibrio se tambalee e hai incertidume, que non é boa para as empresas. 

Que consello lle daría vostede a unha persoa que quere crear unha empresa? 
Levo dado moitos consellos, algunha xente seguiunos, outra non fixo caso e outra volveuse contra min. O primeiro que lle diría é que poña toda a ilusión, pero que tamén saiba que a base de todo é o traballo. O que non sei é se será o mellor momento.

"O pobo de Burela debe estar orgulloso dun club que fai que o coñezan en toda España"
A empresa Pescados Rubén está unida indisolublemente ao fútbol sala en Burela, sendo o principal patrocinador do único club español que ten equipos masculino e feminino en Primeira División, auténticas xoias da coroa no seu papel de patrocinador. Pero Rubén Blanco non só deu o seu apoio a este club, senón que colaborou a colabora con outras moitas entidades deportivas da Mariña. Actualmente, exerce como vogal no Pescados Rubén Burela FS, club do que o seu fillo, Manuel Blanco, é presidente, e a súa muller, Cesarina Fanego, vicepresidenta primeira. 

Sempre apostou polo deporte, cal foi a razón? 
Pois houbo moitos factores que influiron. Un dos meus fillos xogou ao fútbol e sempre tiven un montón de amigos vinculados ao deporte aos que intentamos dende Pescados Rubén botarlle unha man. Todo o mundo me relaciona co Pescados Rubén Burela FS, pero fun sete anos presidente da SD Burela de fútbol e colaboramos tamén co San Román ou o Cangas, por poñer algún exemplo, e incluso clubes doutras disciplinas. 

Pero do que máis orgulloso se sente supoño que será do fútbol sala, como se pode chegar tan arriba dende un pobo tan pequeno?
Esa pregunta é a que me fan moitas veces cando acompaño ao equipo a moitas cidades de España. Eu sempre respondo que os que teñen que sentirse privilexiados e orgullosos son os veciños de Burela, xa que moita xente coñece o pobo grazas ao fútbol sala. Moitas veces penso que se valora moito máis o traballo que se fai e o apoio que se presta fóra, o que máis me fastidia sempre é que digan que somos patrocinadores por beneficio propio, cando sen a aportación de Pescados Rubén quería saber eu onde estaría este club. 

Que lle fai máis feliz un título do equipo feminino ou unha permanencia do masculino. 
Todo, do equipo feminino pouco hai que dicir porque os resultados xa falan por se mesmos e tamén está a repercusión social. A ver se somos quenes de acadar tamén a permanencia co masculino, xa que creo que temos moi bo equipo, pero estamos sufrindo máis do que eu pensaba para salvar a categoría e seguir o ano que vén en Primeira.

Comentarios