"Rodarei na vella fábrica de salgadura de San Cibrao"

Álvaro Gago, director de cine, naceu en Vigo en 1986. Estudou Comunicación Audiovisual e Pontevedra e cmpletou a formación en Londres e EE. UU. Dirixiu pequenas obras de teatro, logo curtas e agora grava 'Matria', a súa primeira longometraxe 
Álvaro Gago. EP
photo_camera Álvaro Gago. EP

Agora que está rodando a súa primeira longametraxe, xa se sente director de cine con todas as letras?

Xa fixen algunhas curtas e xa sentía que facía cine. Como están sendo estes primeiros días de rodaxe? Preciosos, intensos, divertidos e marabillosos. Levo catro anos traballando neste proxecto e sempre hai momentos de dúbida, pero chegados a este punto, e xa incluso coa preprodución, é algo que desfruto. É a materialización de todo.

É o director o que manda nunha película?

Non. Cada un ten a súa forma de traballar e eu busco e preciso xente que cuestione as miñas decisións e que aporte os seus puntos de vista. Facer cine ten sentido se existe a horizontalidade do equipo.

Esta película está baseada na súa curta Matria. Que diferenzas haberá entre as dúas?

Máis ou menos vai ser igual. As dinámicas de equipo son practicamente as mesmas e os membros, salvo algún engadido, tamén. A nivel narrativo esténdese, o que permite explorar máis a fondo o personaxe de Ramona e as súas relacións con persoas que na curta son testemuñais. Seguimos unha Ramona quince anos máis nova, o que nos permite presentar un personaxe non tan seco e con máis contrastes a nivel de carácter e emocións.

Como se sente ante a que será a súa primeira longametraxe?

Ilusionado. É difícil coller perspectiva, pero estou desfrutando moitísimo o proceso. O resultado final xa se verá, pero a aventura xa merece a pena. A ilusión polo que pode vir tamén está, pero iso xa escapa do meu control.

Ten unha forte vinculación con San Cibrao, de onde era natural a súa nai. Que queda daquel neno?

Espero que moito. Teño unha conexión especial con San Cibrao onde pasaba todo o verán e o Nadal. Ese é un proceso vital que estou recuperando porque o perdín un tempo cando faleceron miña avoa, miña nai e miña madriña, tres figuras femininas conectadas á miña infancia. Agora co meu fillo de 4 anos estou volvendo a redescubrir esa terra, filtrada cunha visión máis infantil.

Que é San Cibrao para vostede?

É un dos meus espazos, senón o meu espazo, no mundo.

Se tivese que escoller un lugar?

A fábrica vella de salgadura. De feito entre os meus plans está gravar unha película alí. É un proxecto que me ronda dende hai tempo e xa estou empezando a escribir o guión. Non sei se será o segundo ou o terceiro proxecto que leve a cabo, pero fareino.

Gardará moitos recordos.

Moitísimos. Na propia fábrica faciamos xuntanzas de ata 50 persoas e incluso acampabamos e pescabamos anguías. Tamén recordo ir en bicicleta pola estrada da Marosa e desviarme para coller moras e facer despois un pastel na casa e tardes inteminables no antigo colexio onde agora está a Praza dos Campos. Recordo a miña avoa chamándonos para comer nun dos calexóns que dá á praza, onde está a nosa casa

Comentarios