Rodar a curta 'O neno e a sombra' na Mariña esixirá recadar 6.000 euros

As persoas que colaboren recibirán camisetas, pósters, botellas de licor café ou amuletos tradicionais. Para as doazóns máis grandes organizarase unha visita a Santo Estevo do Ermo

Xaime Miranda, trala cámara, xunto co actor Miguel de Lira. AMA
photo_camera Xaime Miranda, trala cámara, xunto co actor Miguel de Lira. AMA

O equipo de O neno e a sombra, unha curta dirixida polo director fonsagradino Xaime Miranda e que se grabará en distitnas localizacións da comarca, acaba de lanzar unha campaña de micromecenado na plataforma Verkami para conseguir fondos que se destinarán a contribuír no financiamento da cinta. O obxectivo é alcanzar os 6.000 euros para darlle ao proxecto "o aspecto cinematográfico desexado", explican dende o equipo da cinta, e tamén afrontar os gastos de distribución.

As persoas que colaboren nesta campaña, en función da cantidade que aporten, serán recompensados con distintos agasallos. Así, poderán recibir camisetas e pósters deseñados polo artista gráfico Xosé Blanco ou botellas de licor café cortesía da viñoteca O Lagar de Burela. Nestas recompensas tamén se inclúen amuletos tradicionais coma pedras do raio, castañas da envexa, alicornios e ollomaos, que durante séculos deron protección dos trebóns, da envexa ou do mal de ollo. Para as persoas máis xenerosas nas súas aportacións organizarase unha visita a Santo Estevo do Ermo, "un dos lugares máis máxicos da Mariña, onde terán a oportunidade de participar en varios rituais que se veñen celebrando no lugar dende tempos inmemoriables".

Sobre a campaña pódese obter máis información na páxina de Verkami e nas redes sociais.

EQUIPO. Para a realización desta curta escolléronse as aldeas pontenovesas de Vilarxubín e San Pedro de Bogo ou a contorna da Fraga Vella, entre Mondoñedo e Abadín. Pero non é esta a única aportación da Mariña á cinta, que conta con mariñáns no seu equipo, tanto detrás coma diante das cámaras.

A curtametraxe está producida pola cervense Sabela Blanco e os focegos Lucía Ramiro e Uxío Corbelle, Ademais a banda sonora está composta por Nuno Pico, músico do Valadouro e membro do grupo Oh! Ayatollah. No elenco de actores tamén figura o valadourense Manuel Lourenzo, ao que seu unen nomes tan recoñecidos coma o de Miguel de Lira, María Roja ou Diego Anido.

Comentarios