Rocío López: "Non descansarei ata que Santa Cruz teña un campo artificial porque é imprescindible"

Recoñece que catro anos é pouco tempo para desenvolver todos os proxectos cos que se inicia un mandato, por iso repetirá como candidata en 2019. Se os veciños volven confiar nela, a rexedora socialista non dubida en que traballará dándolle pulo ao cultivo da faba e impulsará o Camiño de Santiago, ademais de tratar de rehabilitar o mosteiro. 

Rocío López. IRIA L.V.
photo_camera Rocío López. IRIA L.V.

XA FORA concelleira, pero a alcadía é outra cousa, aínda que Rocío López non dubida á hora de afirmar que non lle custou amoldar o seu xeito de vida a ocupar o sillón de mando do Concello porque conta cunha boa baza, «xa dende nena», ser unha persoa moi sociable. Para ela invertir no rural é unha prioridade e nas súas políticas non deixa de estar presente esta máxima. 

Que balance fai do seu mandato?
Positivo. Levamos  a cabo moitos proxectos, aínda que non foi unha tarefa sinxela porque nos atopamos moitos problemas pendentes cando chegamos ao goberno. Unha herencia que tivemos que solucionar e que supuxo cartos comprometidos que non puidemos destinar a outras finalidades. Pero a pesar de todos eses inconvintes fixeronse moitas cousas. Traballouse sobre todo en infraestuturas, fixeronse melloras considerables nos edificios públicos, invertiuse en novos alumeados públicos de led, fixose un aparcadoiro para o cemiterio de San Adriano e tamén se instalaron novas marquesinas de autobús e fixeronse obras de mellora das beirarrúas. A nivel cultural avanzouse moito e a oferta cultural cada ano é mellor. Os nosos maiores son para nós unha prioridade e invertimos mais en axuda no fogar, e puxemos tamén en marcha novas actividades para eles.

Se tivera que destacar algún proxecto destes anos, cal sería?
Non destacaría un en concreto,  creo que se fixeron moitos. É importante destacar o gran impulso que se lle deu á Festa da Faba. Conseguimos renovar e ofrecer novas actividades e unha programación máis completa e innovadora que fai que sexa máis atractiva para os visitantes. É iso en definitiva contribúe positivamente a darlle unha maior repercusión a esta festa a nivel nacional e internacional. Destacaría tamén a inversión en infraestuturas a pesar de contar con poucos recursos. Ás veces con poucos cartos faise moito. 

Quedoulle no tinteiro algunha idea sen levar adiante?
Sen dúbida ningunha quedaron moitas. Catro anos dan para pouco e máis con todos os problemas que nos atopamos ao chegar ao Concello. Un campo de fútbol artificial é algo imprescindible, algo fundamental para un concello coma Lourenzá, cunha gran tradición deportiva e cunhas escolas deportivas das mellores de Galicia. Non descansarei ata que Santa Cruz teña un campo artificial, os nosos nenos e os nosos xoves meréceno. Outra asignatura pendente é o mosteiro de San Salvador, que se atopa nun total estado de abandono. É primordial darlle unha solución a isto. Por iso, outra das cuestións que temos pendentes e conseguir un compromiso conxunto das institucións e organismos para conseguir financiación para a restauración do edificio. Unha vez restaurado a súa utilidade podería ser moi grande, por exemplo sería un lugar idóneo para unha residencia de maiores, para un albergue, para un auditorio, e para moitas cousas máis dado que son moitas as salas e locais dos que dispón este edificio.

A dimisión de dous dos seus concelleiros, perxudicou o labor do equipo de goberno?
Para nada. Son ciclos que se dan igual que en todos as cousas, hai xente que entra e xente que se vai.Neste caso foi o que sucedeu. Cada un é libre de decidir cando quere estar e cando se quere ir e como tal eu respeto esa decisión. O labor do equipo de goberno non se viu perxudicado porque sempre seguimos traballando, xa que eu mesma asumín todas as competencias desas áreas.

Como ve o futuro de Lourenzá?
O futuro do noso concello pasa por unha aposta clara en varios ámbitos. A aposta polo rural é fundamental. Estamos dentro da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, e moitas familias viven da produción da faba, polo tanto o apoio a este sector é primordial. O Camiño de Santiago é outro dos puntos fortes. Cada ano son máis os peregrinos que pasan por Lourenzá chegados dunha ámplia variedade de países. Este ano abríronse dous albergues novos, froito de dúas iniciativas privadas, o que nos indica claramente que en torno ao Camiño van xurdindo novos negocios que dan de comer a moitas familias. 

É imprescindible que haxa máis mulleres na política

Como é un día na vida dunha alcaldesa?
O día dunha alcaldesa ben marcado por unha axenda sempre ‘a contrarreloj’. As 24 horas dispoñibles para os teus veciños e sempre pendente do teléfono por si pasa algo. Ao principio eso é o que peor se leva, pero chega un momento que xa te acostumas. Cada día é distinto. Uns días, reunións cos veciños e outros con organismos, outros asistencia a actos, visitas de campo a obras que se están executando e así podería seguir enumerando centos e centos de cousas que facemos os alcaldes. A vida familiar e social é ás veces difícil de conciliar, pero xa digo acabas acostumándote e eso forma parte do teu día a día.  

Ten decidido presentarse ás vindeiras eleccións?
Pois claro que si. Os meus compañeiros apoianme e confían en min e iso é o que máis me motiva. Teño decidido presentarme co compromiso firme de seguir traballando polos meus veciños. Xa nos estamos preparando para as vindeiras eleccións. Haberá novas incorporacións e tentaremos presentar a mellor candidatura.

Como ve o papel da muller na política?
Imprescindible se queremos que o mundo siga evolucionando, porque a pesar de que somos xa moitas as mulleres que estamos neste mundo, lamentablemente aínda queda moito camiño por recorrer para ocupar tantos cargos de responsabilidade como ostentan os homes. Sen embargo confío en que pouco a pouco esta situación vaia cambiando.

Curiosidades ►Conta con 2.224 habitantes, con 51 anos de media
O concello de Lourenzá ocupa unha superficie de 62,6 kilómetros cadrados e conta cunha poboación de 2.224 habitantes, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (Ige) de 2017. A media de idade sitúase nos 51,8 anos e no 2017 o número de defuncións foi moito maior co de nacementos: 51 por 13. 

Economía
O cultivo da faba, que empezou sendo un complemento para á economía de moitas familias, cada vez está cobrando máis forza e xa é a actividade principal de moitas explotacións. Tamén os produtos de horta van cobrando importancia. O sector da madeira é fundamental no concello e hai empresas que completan o ciclo coa fabricación de mobles é útiles de madeira. Outro sector de relevancia é a canteiría con diversas canteiras e empresas de transformación da pedra. Segundo os datos do Ige, os sectores con máis empresas son os servizos, seguidos da agricultura e a gandaría. Despois  a construción e a industria. 

Comentarios