El rincón de... María Jul: "No inverno tamén se pode desfrutar do paseo"

Esta artesá elixe como o seu recuncho preferido o paseo a carón do río Covo, en Cervo 
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera María Jul, no paseo a carón do río Covo. ÁLVEZ

O poder da natureza para relaxar é inesgotable. E inesgotables son tamén os lugares na Mariña para poder relaxarse nela. O último descóbreo a artesá María Jul, que vive na parroquia cervense de Lieiro e ten no paseo a carón do río Covo o seu lugar perfecto para desconectar. "Dende a ponte medieval ata o Guioncho é un paseo moi bonito en plena natureza que ademais dá moita tranquilidade", asegura, e recoñece que é unha habitual do lugar: "Sempre que estou cansa ou estresada vou dar un paseo porque me relaxa moito e sérveme para poñer as cousas en orde para chegar á casa e volver a retomar o traballo xa centrada".

Ademais, María considera este paseo "unha parte de min, porque está moi preto da miña casa e hai moito tempo que é o meu paseo habitual". Porque recoñece que lle gusta máis somerxerse na contorna do río que tomar a outra dirección e achegarse ao centro de San Cibrao.

"Camiñar por aquí é moito máis tranquilo e non che dá a sensación de medo aínda que estás en plena natureza, porque ir polo medio do monte tampouco me gusta", afirma entre risas.

Pero non, aquí non está no medio do monte aínda que por tramos o pareza.  Ademais, é un sitio que moitas persoas da zona elixen para dar o paseo diario: "É certo que non acostumas a encontrar a ninguén habitualmente, pero si que hai xente que utiliza este percorrido a diario e acostuma a ser sempre a mesma, aínda que na primavera ou no verán tamén te podes atopar con xente descoñecida".

Porque na primavera e no verán é cando a natureza se fai máis agradecida para os paseos, aínda que María non dubida en asegurar que ela o desfruta todo o ano: "Incluso no inverno cando está chovendo e todo mollado, poño as botas e bótome a andar porque me gusta igual e nunca me dá preguiza; iso para min é unha ‘palabrota’ que non se debe nin pensar", di. Pois iso, sen preguiza ningunha pódese desfrutar deste paseo e da súa ponte medieval.

Comentarios