lunes. 17.02.2020 |
El tiempo
lunes. 17.02.2020
El tiempo

'Rigoletto' de Verdi poderá verse na casa da cultura o vindeiro día 8

'Rigoletto', de la compañía Concerlírica. JPG
'Rigoletto', de la compañía Concerlírica. JPG

A ópera voltará a Burela o vindeiro 8 de marzo, ás sete da tarde, na casa da cultura. Neste caso será Rigoletto de Verdi da man da compañía Concerlírica. "A compañía segue sendo a mesma que en todas as ocasións anteriores porque estamos moi contentos con eles e coa calidade que nos traen", asegurou o concelleiro de cultura, José Díaz, que subliñou que se trata dunha "das grandes óperas e das máis coñecidas, tanto de Verdi como doutros autores".

Rigoletto é unha ópera en tres actos, polo que haberá dous descansos dende o seu inicio e terá unha duración aproximada de 150 minutos. A súa representación precisa dun cento de artistas, entre orquesta, coro e solistas. "Agardamos que funcione igual que todas as veces anteriores e que se volva encher o auditorio", afirmou Díaz.

A venda de entradas para asistir ao espectáculo empezará esta mesma semana na plataforma ataquilla.com. Os prezos serán os mesmos que nas edicións anteriores: 18 euros en platea; 15 no anfiteatro 1 e 12 no anfiteatro 2. O mesmo día do evento tamén haberá entradas á venda, aínda que serán a un prezo lixeiramente superior: 20 euros en platea, e 18 e 15 nos anfiteatros 1 e 2, respectivamente. "Sempre recomendamos a aquelas persoas que saiban que poden asistir que compren as entradas de xeito anticipado porque poden aforrar algo de diñeiro", dixo Díaz, que lembrou que as butacas voltarán a estar numeradas.

Díaz espera unha boa resposta do público, "porque sempre que organizamos unha ópera conseguimos cheos grazas á xente de toda A Mariña e á que chega tamén de fóra". "Pensamos que é un bo día ese domingo 8 de marzo, así que invitamos a todos a asistir a este tipo de espectáculos que non temos a sorte de poder desfrutar con demasiada frecuencia na nosa zona", asegurou Díaz.

Polo escenario da casa da cultura burelesa xa pasaron outras catro coñecidas óperas La Bohème, Nabucco, Madame Butterfly e Carmen.

'Rigoletto' de Verdi poderá verse na casa da cultura o vindeiro día 8