Un helicóptero fará fotos de Ribadeo para saber quen non limpou os eucaliptos

O Concello comprobará que faixas de protección seguen con árbores nos 50 metros, logo de rematar o prazo dado

Voo en helicóptero sobre o territorio municipl ribdense. AMA
photo_camera Voo en helicóptero sobre o territorio municipl ribdense. AMA

Un helicóptero sobrevoará Ribadeo a vindeira semana cos medios técnicos necesarios para saber das fincas pendentes de limpar e sen arranxar esa faixa de protección de 50 metros a carón de vivendas, edificacións ou núcleos de poboación, tal e como esixe a lei de incendios de Galicia. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que foron moitos os que fixeron os deberes pero rematou o prazo voluntario e agora os propietarios que non fixeron as tarefas de limpeza correspondentes recibirán comunicacións do Concello para que, no prazo de 15 días, procedan a cumprir coa lei. Suárez Barcia subliña que "non queremos chegar a máis, pero se é preciso haberá multas ou execucións subsidiarias".

O rexedor, en declaracións a Faro Norte, dixo: "Seguimos a traballar, como viñemos facendo desde outubro do ano pasado cando publicamos un bando pedindo, pregando con total cortesía e boa fe, que os propietarios de montes debían cumprir unha lei que leva máis de dez anos en vigor. Xa desde aquel momento nin paramos de traballar, nin perdemos un minuto, é dicir identificamos as fincas que incumprían, notificamos aos seus titulares catastrais para que actuasen, publicamos nos boletíns oficiais aquelas parcelas de descoñecidos que viñan devoltas as cartas, atendemos a centos de consultas na área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo, e todo isto con espírito absoluto colaborador e de axuda. Pero agora temos que dar un paso máis, e non porque queiramos ir por diante de ninguén, senón porque o di a lei de incendios de Galicia que leva vixente desde o ano 2007".

Fernando Suárez di que "unha vez pasado o 31 de maio, aqueles propietarios que non cumpriran a súa obriga de desbroce e de tala de especies combustibles, como os eucaliptos, piñeiros, acacias, etc…, seralles dado un prazo de quince días para que o fagan, senón é así, a administración poderá sancionar ou facer execucións subsidiarias cargándolle posteriormente estes gastos. Para facer este traballo de campo estivemos requeríndolle, nestes meses anteriores, colaboración á Xunta de Galicia tal e como marca a lei, sen que a día de hoxe soubéramos nada. Lamentamos que todo o que fai e di a Xunta quédase niso ata agora mesmo, que é nin máis nin menos que palabrería. Nós, con esa axuda da Xunta ou sen ela, queremos cumprir co que se espera de nós, e tamén por respecto á actuación activa e consecuente de tantos propietarios e propietarias que ao longo destes meses estiveron aplicados, estiveron desbrozando e talando os eucaliptos e os pinos ao pé das construcións e dos núcleos de poboación".

"Agora, tal e como explicamos na memoria de traballo -engade Suárez-, estudamos a necesidade de usar medios técnicos axeitados para en pouco tempo determinar quen foi cumprindo e quen non o foi facendo. Para isto a tecnoloxía actual dispoñible ofrécenos o uso tanto de drons ou de un vo de helicóptero con cámaras de precisión que fotografíen o territorio municipal e posteriormente superpoñan esas fotos en planos escala, para poder determinar o grao de cumprimento".

Comentarios