Ribadeo prepárase para ler coa feira Letras no Campo

A feira do libro que se celebra na vila ribadense volta con presencia de autoras consagradas coma Ledicia Costas ou outros novos pero vencellados á vila como José Luis Enríquez e unha morea de actividades paralelas
Unha edición anterior das Letras no Campo de Ribadeo. AEP
photo_camera Unha edición anterior das Letras no Campo de Ribadeo. AEP

Dez anos vai cumprir esta fin de semana a feira do libro de Ribadeo bautizada como Letras no Campo por celebrarse no campo de San Francisco. Coma sempre, serán días cheos de actividades paralelas vencelladas ao eido literario nun evento que este ano vai pregoar o poeta e divulgador Quique Roxíos. Durante eses días pasarán pola feira autores tan recoñecidos coma Ledicia Costas ou Antón Riveiro.

As librarías e editoriais participantes nesta edición van ser seis en total e poderán visitarse de once a unha e media, pola mañá e de cinco a oito e media, pola tarde. A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, explica que desta volta a feira ten dous establecementos da vila: Pícaros Mundi e Gráficas Santiago, ademais da lucense Valín Libros, a compostelá Libraría Pedreira, a editorial Canela e o Servizo de Publicacións da Deputación.

Entre as actividades paralelas, nada máis arrancar a feira haberá unha colaboración dos usuarios do centro de día A Concordia e logo, no auditorio, un concerto didáctico musical centrado nas músicas dos Maios de Ribadeo do proyecto A Trabe D'Ouro con nenos dos colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón, que tamén ofrecerán, ao remate do día, un concerto na contorna da feira. No capítulo de presentacións, ese día o ribadense Antonio Gregorio e o responsable de EoDitorial, Antonio Andina, presentarán o libro A temperie ribadense no século XXI (até 2023). Ao día seguinte, o sábado, o redactor xefe do diario La Tribuna de Cuenca e ribadense de corazón, José Luís Enríquez, da man do cronista oficial de concello, Eduardo Gutiérrez, presentará a súa primeira novela, Cuando sopla el nordeste

Sanjurjo destacou, por proximidad, "a obra saída do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo e que percorre a traxectoria vital da primeira licenciada en Farmacia galega e que rexentou a farmacia La Moderna en Ribadeo, Manuela Barreiro Pico. O ourensán Paco Paz tráenos 'Os do mar', unha novela que se desenvolve no porto de Rinlo na que un xornalista investiga a morte dun mariñeiro".

Desmarcándose algo da presentación de libros, a concelleira de Cultura falou dun obradoiro aberto a todo o público no que se difunde o libro de recollida etnográfica Galicia latente, un traballo de autoedición de 2023 do fotógrafo Eduardo de Martís. Está dirixida esta proposta a un público interesado na contemporaneidade galega e nos símbolos actuais da particularidade galega como pobo. A segunda cita vén da man da autora barreirense Lucía Ferro e de José Manuel Ventoso Picos. Será unha charla coloquio para afondar no mundo da edición de libros á marxe das editoriais convencionais.

Ribadeo terá tamén a visita de de Antón Riveiro, autor de Hotel Carioca, premio Álvaro Cunqueiro de Novela 2023 "e tamén, coma non podía ser menos, unha das presentacións está vinculada á figura das Letras Galegas 2024. Luísa Villalta. Alma de violino e será presentada polas súas autoras Eli Ríos e Beatriz Maceda, e pola ilustradora Laura Suárez". Xulia Feixoo presenta Concha do Canizo e a xa recoñecida autora Ledicia Costas presentará a súa última novela Pel de cordeiro. Begoña Sanjurjo lembrou que, ademais, haberá obradoiros e poderase desfrutar da exposición Cen anos sen El Viejo Pancho lembrando a ese autor ribadense que emigrara a Uruguay.

Comentarios