"Ribadeo é o concello que máis tarda en pagar facturas, non se pagan nin en 900 días"

En nove meses Daniel Vega afrontará o seu segundo intento de asaltar a alcaldía de Ribadeo, un obxectivo polo que loitou moito durante este mandato porque baixo o seu punto de vista o goberno do Bloque non ten un proxecto de futuro nin emprendeu accións que garantan un futuro para o concello. El si asegura ter ese proxecto
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Daniel Vega. ÁLVEZ

Unha das críticas que fai Daniel Vega ao alcalde ribadense é que pecha portas doutras administracións, singularmente da Xunta de Galicia, cos seus ataques aos responsables das consellerías. Di que ese foi o xeito de gobernar nestes tres anos porque, segundo el o ve, nunca houbo verdadeiras ganas de liderar de novo o Concello de Ribadeo por parte do alcalde, Fernando Suárez Barcia.

Como está vendo o discorrer deste terceiro mandato do Bloque Nacionalista Galego en solitario á fronte do goberno municipal de Ribadeo?

Penso que en realidade non hai ganas de liderar nada. Sinceramente, creo que o alcalde nin sequera tiña ganas de volver presentarse. Isto todo é un mero trámite para o BNG e iso vése porque máis alá de que non fixo nada concreto, o peor é que non hai nada preparado para desenvolverse, non hai trazas dun camiño para un Ribadeo de futuro.

A que se refire concretamente?

Pois por exemplo a que non hai nada en infraestruturas. A realidade é que se amañaron certas estradas con cartos doutras administracións, pero por inercia, non porque haxa un plan pensado seriamente. Tampouco hai nada previsto con outras administracións. O alcalde amósase moi reivindicativo con certas administracións pero non pode ser que esteamos sempre rendendo pleitesía á Deputación ou ao Goberno central para logo esixirlle a unha soa, que é a Xunta, claro.

Está pensando nalgún exemplo concreto?

Pois por exemplo: cando tes unha estrada que vertebra a vila como é a de Vilela, que está destrozada e que a xente demanda que se amañe xa, por que non se fai? Está máis que anunciado o amaño pola parte do campo de fútbol. A que están a agardar entón? A que falten dez días para as eleccións para decir despois ‘miren canto traballamos’? E que pasou no barrio da Pega que non se fixo nada ata que saíron os veciños manifestarse?

Un apartado no que se amosa moi crítico é no pago das facturas...

Claro! Porque somos os que máis tarde pagamos de todos. Unha cousa é ter un déficit desmesurado como pode ter Viveiro, pero é que Viveiro paga antes que Ribadeo. Sae o alcalde a dicir que pagan en nove días e iso é mentir, así de claro. Non se paga en nove, nin en noventa nin en novecentos. Aínda hai pouco que aprobamos facturas do 2016. Esa é a realidade.

Por que afirma que o persoal do Concello quere marchar de Ribadeo?

É que penso que se teñen que dar explicacións porque seguimos cun interventor e un secretario compartidos. E iso repercute no pago das facturas. Pero hai que ver que pasa con outros traballadores que tamén marcharon de aquí. Nós dicimos que se van porque hai mal ambiente e iso sábeo todo o mundo. Non queren traballar aquí.

A remodelación do asilo é outro punto que censuraron.

É que por moito que se diga non hai nada de nada. Pedimos por activa e por pasiva que se dean explicacións do que pasa coa herdanza do doutor Moreda. Xa hai 500.000 euros que se podían ir empezando a investir máis o que se sacou ao vender o piso, pero o único que se fixo foi enviar á Xunta cartas ameazadoras, sen criterios técnicos e cunha chulería desmedida. Había unha subvención que se puido empregar para iso e resulta que nin sequera se chegou a pedir. Non sabemos nada e habería que informar ás familias de que vai pasar cos seus pais e avós, se van ir a outro centro mentres se fan os traballos... Nós xestionaremos de forma que garantamos un investimento da Xunta que será dabondo para poder facer a reforma.

Comentarios