Ribadeo amosa aos mestres de FP os segredos dos vehículos eléctricos

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia inaugurou o noveno fórum no que hai mestres de cinco autonomías. A presentación de Porsche é un momento moi agardado
Un momento da inauguración do fórum de Apaga. EP
photo_camera Un momento da inauguración do fórum de Apaga. EP

A pandemia non impedíu que a Asociación de Profesores de Automoción (Apaga) de Galicia organice en Ribadeo unha das súas edicións máis ambiciosas na que xa de xeito definitivo os vehículos eléctricos gañan terreo case a partes iguais con todo o vencellado co ensino electrónico. De todo iso e moito máis falarán mestres de cinco comunidades diferentes nunha cita que arrincou onte apoiada por Concello, Mancomunidade, Deputación e Xunta.

Pero o protagonismo ten que ser para o colectivo organizador. O seu presidente, Álvaro Doural, explicou que pedíu responsabilidade coas medidas de seguridade aos asistentes e indicou que "no programa deste ano apóstase por un novo esquema de traballo. Foi unha proposta que fixeron unha serie de participantes do ano pasado. Hai quen di que as enquisas non valen para nada, pero penso que sempre é interesante ver as valoracións e o que a xente propón. Na situación deste ano son interesantes as actividades lúdicas que se van facer".

Á marxe de ter unha morea de exposicións sobre os vehículos eléctricos e híbridos que están a gañar unha cota de mercado moi importante, é imposible esquecer que unha parte moi agardada da edición deste ano será cando o venres ás once da mañá se presente o novo modelo de Porsche totalmente eléctrico, o Taycan. Xusto antes, outro prato forte coa presentación da serie M de BMW.

INNOVACIÓN. O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, apuntou que "calquera iniciativa que nos permita avanzar nun sector tan innovador é benvida". O alcalde en funcións de Ribadeo, Pablo Vizoso, sinalou o feito do aproveitamento das instalacións de Pedro Murias que o Concello se alegra de que se impulsen cada vez máis porque forman parte do legado indiano.

O mércores ademais dunha presentación de Bosch haberá unha ponencia sobre a fabricación de pezas nunha forxa. No acto de inauguración de onte pola mañá participaron o presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Luguesa, Fran Cajoto; o responsable da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, xunto coa deputada do BNG Mónica Freire; a xefa territorial de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Pilar Fernández; o alcalde en funcións de Ribadeo, Pablo Vizoso e a concelleira do PSOE, Marta Rey.

Comentarios