Os ribadenses cooperan cunha empresa que vai numerar os domicilios

Pola creación de rúas, cambios de nomes ou outros problemas, hai duplicados que evitar e, por exemplo, Correos ten que devolver envíos

O alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, publicou un bando para advertir aos ribadenses de que hai operarios dunha empresa que estes días pedirán á súa colaboración, porta á porta, para repasar a numeración de vivendas e de edificios de todo o termo municipal e, se fose necesario, cambiar os números para evitar duplicidades. Tódolos cambios vanse expoñer ao público unha vez finalizada a actualización da base de datos definitiva.

O investimento co que se realizan estes traballos ascende a 9.000 euros que sufraga o Concello.

"Hai que actualizar a numeración das vivendas e dos edificios, fixando para cada un o número que lle corresponde exactamente", clarexa o alcalde. "Vai ser precisa a renumeración naquelas vías que, pola existencia de duplicidades ou outras casuísticas, presentan hoxendía problemas para que lles cheguen as cartas", matiza.

O problema débese a dous motivos principalmente: "Por unha banda, a última revisión da numeración que se fixo foi no ano 1996, hai máis de vinte anos e, por outra banda, o servizo estatal de Correos e Telégrafos ten establecida unha práctica institucional coa que calquera carta ou envío que adoeza dunha incorrecta dirección postal, é devolta sen contemplacións", subliña Suárez.

Correos ten que dispór dun dato exacto co nome da rúa e do inmoble, como é lóxico. En Ribadeo, debido ao bautizo de novas rúas nos últimos anos e a creación doutras, entre outros motivos, hai problemas para a recepción de envíos postais.

O Concello licitou e adxudicou hai un tempo este traballo a unha empresa que, como apostilla o alcalde, "ten avanzado moito, pero agora está facendo un traballo de campo", comprobando sobre o terreo que toda a súa base de datos estea correcta.

O persoal desta empresa vai percorrer, tanto as parroquias ribadenses, coma o casco urbán, polo que o alcalde solicita da cidadanía a máxima colaboración para con eles.

"Este persoal pode ir a moitas vivendas de Ribadeo, acreditárase convintemente e pedímoslle á poboación a máxima cooperación", incide o rexedor, quen confía en que sexan poucos os números que teñan que cambiar para evitar duplicidades ou outro tipo de problemas, comocos que se está a atopar o servizo de Correos.

Comentarios