A ribadense Carme Rodríguez compon a banda sonora oficial das Letras Galegas

A música e musicóloga realizou unha forte investigación sobre o homenaxeado Florencio Delgado
Carme Rodríguez, nun concerto. EP
photo_camera Carme Rodríguez, nun concerto. EP

Florencio Delgado é o autor ao que este ano se lle dedican as Letras Galegas. Pero o Consello da Cultura Galega vai facer que o azar deixe cinguida a súa figura coa dunha ribadense. Trátase de Carme Rodríguez, música e musicóloga que tivo "a gran honra", segundo ela mesma recoñece, de recoller a encarga de poñerlle música á súa obra e deseñar os sons que se escoitarán o día 16 nun acto oficial das Letras Galegas que terá lugar no Barco de Valdeorras e que ao día seguinte se repetirán no acto central de Santiago.

Carme Rodríguez é a décimo segunda compositora que colle unha encarga desta responsabilidade. E neste caso as súas notas vai interpretalas o grupo Zoar, un quinteto de vento. É unha formación pouco habitual para algo así pero iso a ela non parece que lle afectara demasiado. Iso si, acepta que "é unha encarga de bastante magnitude por pertencer a unha xeración de compositores concreta e moi nova, tamén porque se trata dun concerto institucional e estar nesa listaxe de compositores que se colleron ata o de agora, pois é unha marabilla, está claro".

A singularidade da tarefa fixo que se puxera a investigar a figura do autor homanexeado este ano "para poder facer unha composición que seguise os seus poemas, as súas escritas. Musicalizar a súa literatura, en resumo". E o que atopou, conta, é unha persoa cunha escrita "particular" e que ademais foi tamén "unha personalidade moi interesante sobre a que investigar".

Dentro da rigorosidade coa que soe traballar, fixo un labor de investigación importante "para que o que compuxese fose en sintonía coa persoa en cuestión e para facer algo que identifique o seu traballo, pero tamén a persoa. Para min iso tamén era unha cuestión importante, tratar de reflectir a persoa, non só a súa obra". Así que o que fixo foi "elixir poemas identificativos do seu estilo e da súa personalidade artística para darlle unha perspectiva musical e respectando o seu labor artístico. Penso que é un traballo moi interesante".

De Florencio Delgado di que lle sorprenderon "as imaxes e a simboloxía que desencadea a súa literatura e que tamén fala da súa personalidade. Tendía a ter eses patróns de imaxes moi visuais e tentei recollelo". A composición fíxoa sabendo de antemán que a ía tocar un quinteto de vento que, ademais, irá acompañado dunha soprano "o que é unha formación peculiar, porque o vento coa soprano non é normal, soe estar con outros instrumentos. Eu tentei que as palabras fosen as protagonistas non só na voz da soprano, nas dos propios músicos que recollen os ecos e van repetindo versos para que toda a formación estea inundada desas palabras".

O seu traballo vaise poder ver en directo por streaming o propio día 16 e ao día seguinte na TVG2 "e a partires de aí pasa a ser unha composición para Zoar, que eles poden ter no seu repertorio, queda aberta a seguir circulando". Mentres, Carme segue con encargas como unha obra para percusión solista que se estrea o día 22 en Pontevedra ou cun ciclo con diversas formacións de composición libre para marimba.

Comentarios