Jesús Louzao: "O noso forte é o marisco e non falta o peixe"

O Restaurante Louzao enclavado en Area (Viveiro) é toda unha referencia en mariscadas. Ademais este sábado ofrece unha festa da centola.
Jesús Louzao, introducindo centolos nos seus viveiros. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Jesús Louzao, introducindo centolos nos seus viveiros. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Quen desexe saborear unha boa mariscada ten que pasar polo restaurante Louzao de Area, en Viveiro, onde o seu xerente Jesús Louzao e mailos empregados do establecemento desvívense porque todo saia a pedir de boca para a súa clientela, pois saben que un cliente satisfeito sempre volve. Así é, segundo acreditan os que proban as súas mariscadas, que son toda unha referencia na comarca. "O noso forte é o marisco e ademais sempre hai peixes, a merluza do pincho non falta nin os de tempada da lonxa, agora estamos na época da raia, a lubina ou o pinto, por citar algúns". "Sempre temos marisco en stock nos nosos viveiros", comenta.

Tanta sona teñen as mariscadas que recibe un bo número de comensais dende zonas como León, Rías Baixas ou Asturias. Acoden dende grupos ata parellas ou matrimonios. "Temos xente que é moi asidua a vir degustar tres ou catro mariscadas ao ano", comenta Jesús, confirmando que este sábado ten un grupo de 50 ou 60 persoas. O hostaleiro viveirés sinala que "se vén xente á zona beneficiámonos todos, porque móvese pola comarca, aloxase nun local e come noutro".

O Louzao ofrece tres tipos de mariscadas, que poden levar ata dez mariscos diferentes que se poden escoller segundo os que haxa, pero cuxa base son tres primordiais. a de lumbrigante sae por 150 euros e pódese acompañar con outros de tempada, a de centolo son 125 euros e a de boi de mar está a 100. "Leva un pouco de todo o que hai no mercado, sempre fresco; agora por exemplo non hai camarón". O hostaleiro aconsella reservar. "É mellor encargar se é un grupo grande, teñen menos espera, senón hai unha espera de vinte minutos ou media hora, é o que leva preparala. Leva marisco cocido e á prancha ou parrilla, todo cociñado de xeito tradicional".

Ademais mañá e o vindeiro sábado ofrece unha festa da centola por 60 euros que inclúe tamén peixe, carne, postre e bebida, xunto cun baile. "É un prezo suculento", subliña. "Queremos que a xente o pase ben, senón logo non se van acordar de bailar", bromea. Pódese reservar chamando aos números 982.56.09.44 ou 629.60.87.25. "Teremos centolo ata xuño, mes no que empeza a veda, que hai que respectar. Facémola para exaltar o produto. Normalmente hai xente que se queda no hotel ou pola zona e volve ao día seguinte a mariscar máis". Quen o desexe tamén pode comer á carta ou mariscos por libre.

Ao desaparecer as restriccións establecidas pola pandemia poden xuntarse grupos en mesas de catro a dez persoas e tamén parellas, xa que os aforos son libres, aínda que é obrigatorio o uso da máscara por prevención ao haber aínda covid. O restaurante ten completas as reservas para bodas e comuñóns este ano e xa apunta para o vindeiro 2023. "Están vindo as atrasadas destes anos, hai xa bastantes reservas para o ano que vén, pero a ver como vai isto", sinala.

Comentarios