Reciclaxe con premio en Viveiro

O Concello doará a Aspanane os 2.000 euros que recibirá se consegue aumentar un 10% a recollida de residuos do contedor amarelo de aquí a xullo

La alcaldesa, María Loureiro, con usuarios de Aspanane en el centro ocupacional.
photo_camera Usuarios e traballadores de Aspanane, xunto á alcaldesa e á técnica de medio ambiente. C.L.F.

O Concello de Viveiro doará a Aspanane os 2.000 euros que recibirá se consegue superar o reto da campaña ‘Recicla, respira e supérate’ da Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes que consiste en mellorar un 10% a recollida de envases lixeiros no contedor amarelo durante maio, xuño e xullo, en comparación cos mesmos meses do ano pasado.

A alcaldesa, María Loureiro, e a técnica municipal de medio ambiente, Tony Prieto, presentaron onte no centro ocupacional de Aspanane o contido desta campaña para a que o Concello de Viveiro —o único mariñano— foi elexido xunto a outros 14 galegos que se conseguen o reto recibirán a devandita cantidade para unha causa social. «A elexida no noso caso foi Aspanane dado o seu importante labor», dixo Loureiro, quen engadiu que ademais desta axuda é importante avanzar na separación de residuos pois, aínda que vai mellorando, «a día de hoxe Viveiro está bastante lonxe de acadar os obxectivos de reciclaxe marcados pola Unión Europea».

Nos meses de maio, xuño e xullo do 2017 recolléronse nos colectores amarelos viveireses 66.070 quilos de envases e plásticos, polo que para cumplir o reto desta campaña debe aumentar esa cifra en 6.607 quilos de aquí a xullo.

A campaña de Medio Ambiente e Ecoembes inclúe accións como a pintada de graffitis inversos, que xa se puxeron na Praza Maior o día 4 e volveranse poñer o 18 de xullo; a iluminación de grandes edificios, que no caso de Viveiro será a porta de Carlos V o sábado 26 deste mes; a instalación cun contedor amarelo xigante na praza a semana do 11 ao 17 de xuño, ou a visita de vistosas bicicletas coas que os animadores da campaña esparexerán a mensaxe e convidarán a reciclar os xoves 28 de xuño e 5 de xullo. Ademais unha brigada de animadores a pé visitan Viveiro dúas veces á semana e reparten folletos, pulseiras e carteis para os escaparates.

A técnica de medio ambiente engadiu que, á parte destas iniciativas, o Concello tamén quere levar a campaña a centros educativos e edificios públicos «porque aí xéranse moitos envases» e convidou a gardar o que se vaia a tirar nas papeleiras das rúas para metelo no contedor correspondente.
 

Comentarios