Raúl Canoura: "A frota do palangre non poderá soportar este veto nos cantís"

O armador do pincheiro Raúl Primeiro, vicepatrón maior da confraría de Burela e tamén secretario de Absa di que co veto de áreas de cantís en Gran Sol por parte da Comisión Europea, as capturas reducíronse á metade. Ante a situación, non ve descartable un amarre do palangre
Raúl Canoura. D.V.
photo_camera Raúl Canoura. D.V.

Non perde o sorriso porque leva capeado moitos temporais pero Raúl Canoura expresa un malestar xeralizado nos portos da Mariña que vai dende o enfado á incredulidade sobre o que está a facer a Unión Europea coa pesca artesanal. O pesimismo sobre o futuro do sector é patente e sente curiosidade polo que dirán os poñentes invitados este mes ás Xornadas Técnicas de Celeiro.

Como van estas primeiras mareas logo do veto da Comisión Europea a largar nos cantís?
O meu barco volveu para o mar logo dunha marea na que trouxo 7.000 quilos de merluza, cando o ano pasado por estas mesmas datas trouxera 14.000 quilos, e con menos días de mar e gasto. Haberá a quen lle vaia igual ou algo peor pero con este veto á pesca redúcese á metade porque neste tempo de inverno o peixe métese en máis auga, nos cantís. E tivemos que saír deles.

Estalle afectando tamén á volanta e aos arrastreiros?
Non. Aquí as vendas dos volanteiros non se resistiron nada, poden volver a porto con 20.000 quilos porque traballan doutra maneira pero no pincho o peixe come cando quere e nesta época para nosoutros estaba nos cantís.

Pero a vostedes tamén lles pagan mellor o peixe.
Vendemos a 6,60 euros de media o quilo nesta marea e hoxe (polo venres) en Celeiro valeu a 4,70 euros. Os prezos para o consumidor son outros pero para nosoutros é difícil defender desde que empezaron as vedas. Se fas 20.000 euros de marea e fuches con 40.000 de gasto, non é rendible.

Entón, que van facer?
A frota do palangre, que aquí na OPP do Porto de Burela somos 16, isto non pode soportalo. O ano pasado non pero este tocábame traballar en zona agora vedada e agora estamos en caladoiros non habituais porque, ademais por lóxica, non imos ir todos para os mesmos sitios.

Raúl Canoura.
Raúl Canoura.

Anúnciase unha reunión das confrarías o vindeiro día 18 co comisario europeo Viginnijus Sinkevicius e a conselleira de Mar reuniuse na Bretaña francesa con outros pescadores afectados.
Reunións hai moitas, tamén estivemos outro día en Madrid. Os políticos, por norma xeral, sempre din que si, pero logo de aí aos feitos... De momento parece que só a nosa OPP de Burela vai interpoñer recurso ao veto nas 87 zonas de augas comunitarias, á parte do do Goberno central. Non sei como verán o futuro noutros portos. En Burela tamén os barcos foron a menos dende a entrada na Unión Europea. Eu acordo máis de cen barcos no porto, con andanas de 20 amarrados. Agora vemos que a Unión Europea tumba a única pesca artesanal, cunha gran ignorancia porque eu, en 40 anos pescando, nunca pillei un coral ou unha esponxa. A ver se os chinos acaban quedándose tamén con este sector, como están a facer con outros, eles non andan con tantos reparos.

Aquí ao lado no estaleiro de Burela non vemos facer pesqueiros, máis ben lanchas de inspección para a Garda Civil, con dúas armándose.
Para iso hai fondos millonarios, todo para a inspección e vixilancia. Seica hai oito en proxecto.

Non o vexo moi esperanzado co que poida facer Europa.
Estas cousas levan tempo e nós vivimos ao día. Os pescadores de fresco sempre estamos pillados por todo, cando non son as vedas son os transportes ou o prezo do combustible. Somos un sector débil e todo nos vén enriba. A ver que falan os políticos nas Xornadas Técnicas de Celeiro.

E non poderían cambiar de oficio, para a volanta por exemplo?
Todos para a volanta non lle vexo solución. Agora mesmo a perspectiva do palangre é amarrar.

Xa se ven bastantes barcos no porto para o que son estas datas.
Si, por riba nestas datas en que debería estar toda a frota operativa. Os barcos alongan as paradas pois ante problemas crónicos como a falta de titulados, agora falta espazo para pescar.

Corren tempos difíciles.
A verdade, tras dous anos de pandemia e cunha guerra enriba, agora isto. Non sei en que pensan.

Comentarios