O recuncho de...

Raquel Blas: "A praia de Rueta é un lugar tranquilo que che aporta moita paz"

Este areal cervense é resgardado e natural e  a ponte do tren sobre o río Xunco dalle unha singularidade especial
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Raquel Blas, con Rueta ao fondo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A praia de Rueta, en San Cibrao é un recuncho máxico do concello de Cervo ao que a ponte do tren sobre a desembocadura do río Xunco lle dá unha singularidade especial. E especial é tamén este areal para Raquel Blas: "É coma se fora a miña casa porque vou alí dende sempre, todo o mundo se coñece porque acostuma a ir a mesma xente e ata hai xa sitios adxudicados". Para Raquel é o areal de referencia ao que vai dende nena. "Cando era nena todos os veráns os pasaba alí e gardo moitos recordos con meus pais, con meus avós e hoxe en día sigo indo con miña irmá, meus sobriños e miña prima é a miña praia", asegura. 

Para Raquel, Rueta é un lugar tranquilo, natural e, sobre todo, que dá moita paz. Igual por iso e porque, como di ela, é a súa praia, foi o primeiro lugar ao que acudiu cando se levantaron as restriccións máis duras da pandemia. "O primeiro que fixen cando nos deixaron saír foi ir a Rueta porque necesitaba respirar mar", recoñece. 

Raquel asegura que nos meses de verán vai menos do que lle gustaría porque se lle acumulan os plans, pero aínda así sempre atopa un anaco para achegarse e desfrutar deste recuncho, pero tampouco lle fai falta que sexa verán para visitala porque para ela en calquera época do ano se pode desfrutar deste espazo: "Estou alí e miro o mar e listo, aínda fai só uns días que me acheguei ata alí". Mirar o mar xa é dabondo para Raquel, pero se pode ser ao atardecer mellor porque é confésase unha namorada da última parte dos días. "Son un pouco friki dos atardeceres, gústanme en xeral porque son un momento especial", indica, pero claro se son en Rueta, pois moito mellor.  

Rueta é unha praia resgardada e natural, que tamén conta con servizos e un aparcamento cómodo, aínda que chegar á area igual requiere algo máis de esforzo. "Para chegar á praia o acceso é algo empinado, que para baixar non pasa nada, pero para subir faise un pouco máis complicado", bromea Raquel. 

Comentarios