Ramón Mariño: "No rural existía un grandísimo número de fanzines e moi bos"

O xornalista de Xove presenta ás oito da tarde deste mércores no centro cívico da localidade o seu libro 'Fanzines en Galiza. Unha breve e intensa historia da autoedición galega'
Ramón Mariño (esquerda), co tamén xornalista Iván Cuevas nunha presentación anterior do seu libro. CRIS GARCÍA PARGA
photo_camera Ramón Mariño (esquerda), co tamén xornalista Iván Cuevas nunha presentación anterior do seu libro. CRIS GARCÍA PARGA

Ramón Mariño criouse na parroquia da Rigueira e amósase orgulloso de poder presentar diante dos seus veciños de Xove o seu libro, o primeiro integramente en galego sobre os fanzines en Galicia. Xunto a el estarán ás oito desta tarde no centro cívico o técnico de cultura Mario Eijo e o profesor Bernardo Penabade, cos que falará sobre as posibilidades da autoedición.

Que se entende por fanzine?
Son publicacións que pode facer calquera persoa con pouco material, debuxando e escribindo, e coas túas propias ideas, das que podes facer varias fotocopias e repartilas. Son publicacións gratuítas e efémeras cuxa temática abrangue todo, desde arte ata cultura. Habíaos de temas moi serios, como o antimilitarismo, a pobreza ou o medio ambiente, pero xeralmente eran como a poesía de escarnio e maldicir.

O libro naceu dunha tese.
Si, dunha tese doutoral do 2006 e que ía sobre os fanzines na época de Fraga, dende 1990 a 2005. Transformei o traballo académico nun libro entretido, fácil e rápido de ler. Nel explico primeiro a súa historia desde un punto de vista universal, despois en España e finalmente centrándome en Galicia, porque sempre se di que aquí nunca houbo nada, cando culturalmente se fixeron moitas cousas. Nos 80 na Coruña e en Vigo había fanzines que eran auténticas obras mestras.

Ten contabilizados os que puido haber en Galicia?
Teño unha lista moi curta, que son 74, pero polas consultas que fixen hai innumerables tipos de publicacións.

Soubo dalgún na Mariña?
Creo que había algúns que eran moi persoais, que sacaban un ou dous números. Acórdome do ‘Boi’, o Boletín Oficial do Instituto de Viveiro no que participaran persoas que coñecía eu. E sei que houbo algún de música pola zona de Lourenzá, Mondoñedo e Ribadeo pero non atopei o nome.

Cales foron os que máis lle chamaron a atención?
Lembro ‘Noxxxo’, un de Ourense que mesturaba de todo, desde debuxo a crítica social e ensaio incluso político. Había outro moi curioso na prisión de Bonxe que facían os presos e houbera outro que se chamaba ‘Camello’ que se facía na prisión provincial da Coruña, feito tamén polos presos. Había fanzines que ata se fixeron en oficinas, coñecín unha persoa que facía os seus propios dicindo como lle fora o día alí, e regaláronme un que se titula ‘Cómo dibujar a un tipo amargado en cuatro pasos’.

Séguense facendo hoxe?
Hoxe en día calquera persoa pode facer un fanzine e florecen en publicacións dixitais. Os últimos que vin non tiñan o nome do autor e eran moi efémeros, e tamén teño visto traballos feitos por escolares que son fanzines.

Cal foi a época forte deles?
En Galicia nas décadas dos 80 e 90 houbo unha eclosión e o máis sorprendente foi que nos 90 nas vilas pequenas e no rural existía un grandísimo número de fanzines que abordaban todo tipo de temas e con textos moi currados, que se se puliran un pouco darían unhas reportaxes moi boas.

Comentarios