Ramón Barrera, troiteiro pontenovés: "Os pescadores con cebo extinguímonos"

Busca a 'truita' autóctona e fai pouco que se bañou enteiro no río por primeira vez
Ramón Barrera, en A Pontenova. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Ramón Barrera, en A Pontenova. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Ríos de montaña ou afluentes, cebos naturais, cana fixa e días revoltos. Ramón Barrera é pescador tradicional dos que, como el mesmo recoñece, están en vías de extinción. Busca a truita autóctona e aínda fai pouco se bañou enteiro no río por vez primeira. Conserva un gran sentido do humor.

Toca Festa da Troita na Ponte, como están o Eo e a súa cunca?
Fun tres veces esta temporada e as dúas primeiras tirando para mal.Estaba a auga fría, había bastante corrente e só entraban troitiñas, pero acostumo ir ós ríos pequenos pois só pesco a cebo e no Eo non está permitido. Son dos que xa non quedan. Canas fixas poucas ves. Case todo o mundo vai á pluma e á cucharilla.

Vai coas miñocas?
Non porque agora logo che leva máis tempo coller as miñocas cás troitas. Antes habíaas nas cunetas pero está todo seco e os prados algunha teñen pero botas un pedazo. Acostumo a pescar ó maraballo, unha mosca en estado de larva que hai debaixo das pedras do río.  Agora ao primeiro ese bicho tricóptero e despois coa gusarapa e ao saltón. A gusarapa é a que máis me gusta para eses días de calor pois entran pezas boas. Normalmente as troitas da gusarapa non fai falta medilas. Se nun pozo hai dez , vaiche entrar sempre a máis grande. Ten as súas mañas. 

Onde comezou a pescar?
Nacín en Piantón e a primeira vez que fun de pícaro alía a un rego da Veiga. Un día deume de pescar, cortei unha cana de bambú verde e cunha liña e uns anzois da ferretería alá me fun pillando de paso unhas miñocas. Creo que ese día no Seares sacara dúas ou tres troitas, daquela había pero agora nin outros máis grandes terán nada.

E a última vez como lle foi? 
Fun ao Torto e logo ao rego Mourín, de Vilaxe. Esta semana de tormenta estaba bastante ben. Entraban bastante pequenas pero también algunha guapa. 

Que tal están os ríos?
O río tivo mellores tempos. Houbo anos que restrinxían tanto as cousas que non se podía arrimar a cortar nada, nin a xente  que tiña fincas na beira, e practicamente nas aldeas non queda gando nin xente. Abandonouse todo e nos ríos pequenos ves pouca xente polo difícil que é andar. Ao mellor ao non ter tanta presión, hai máis pesca que hai oito ou dez anos.Porque daquela non daba gusto ir. Agora polo menos pican, entreteste e algunha peza vas collendo. 

Hai salmón, anguías?
Ao salmón nunca fun, non me chama esperalo nos pozos, son máis de andar o río. E fai moito que non vexo unha anguía. Na parte baixa do Eo ves moito ese escalo, con épocas de bandadas terribles. Foi a partir de aparecer ese peixe hai uns 30 anos cando a pesca empezou a ir a menos. Me comentaran gardarríos que fora por unha repoboación, pero nos ríos pequenos non se ven. Aquí hai troita autóctona e poden quedar outras grandes nos coutos de abaixo pero aínda presta collelas.

A autóctona búscana estes días.
A troita daquí é moito máis fina e delicada. Tamén nun día de calor tés que ter coidado de tela pouco tempo no cesto, e entre loureiros, porque se pasan e desespiñan.

Como aprendeu os segredos?
Os primeiros anos ía só, cando permitían o cebo en Xinzo e Vilarmide e con quen aprendín coa gusarapa foi con Demetrio Louzao, do Hotel Puente. Foi o único compañeiro, íamos cara á Fonsagrada,ao Rodil e Vilaframil, e a Navia de Suarna, ao Neira, aos Oscos...

Dáballe a todo, era moi pesquín.
Defendíase ben si, pero o que mellor a gusarapa e o saltón na pesca do floreo pola tona da auga. Meteume o gusanillo desa pesca.

Pois terá anécdotas que contar.
Unha vez fomos Demetrio e máis eu sacar couto a Navia de Suarna, a Penamil. E cando cheguei á beira do río vin que no levaba as botas. Entón acordei que a Vizcaíno do banco destinárano alí e tamén era pescador. Busqueino e prestoume as súas. Eran boas pescatas.

Agora,  aos 68 anos, segue viaxando coma daquela?
Os pescadores con cebo extinguímonos, acabarán prohibíndoo en todos os sitios. Xa non facemos a temporada completa. Antes podía ir o día enteiro e agora vou un pedazo se me pinta o día.  Aparte, xa é difícil manexar unha cana fixa entre tantas polas, silvas e árbores caídas. Tés que andar polo río.

E nunca caeu?
A primeira vez que me bañei completo no río foi o ano pasado. Teño enchido as botas de auga moitas veces, de meterme e mollar pantalóns pero estando xunto a unha árbore atravesada do Torto probei dende unha parede de chantos en cuña e fun con todo para baixo, Había oco e acabei no pozo, quedando só coa cabeza por fóra, coa única avaría do móbil. Así de abandonada está a ribeira . Con tanta madeira caída e vexetación logo hai que ter unha preparación de Rambo. Pero eu se trona, vou.

Comentarios