Exalcalde do Valadouro

Que foi de... Quique Geada?

Tocoulle levar adiante unha chea de cambios no concello e agora bota en falla máis implicación das novas xeracións nas melloras da sociedade
photo_camera undefinedQuique Geada. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Quique Geada foi un home dunha tremenda actividade política. Moi inquedo, levouno a ser alcalde do Valadouro na famosa Transición e tamén coa UCD. A descomposición estatal desa formación política non conseguiu que quedase illado ou afastado da loita polas melloras sociais do seu pobo e da sociedade en xeral, por iso foi un dos cofundadores de Coalición Galega. Como alcalde, tocoulle enfrontar un periodo complicadísimo no que no Valadouro faltaba practicamente todo e foille facendo fronte como puido. Despois, traballou no Mundo de Galea e mesmo na primeira federación comarcal que se montou.

Toda isa traxectoria fala por si soa dunha persoa inqueda e con ánimo de axudar no posible á sociedade. Seguramente por iso amósase algo pesimista agora: "A situación actual resulta un tanto traumática, tendo en conta a traxectoria da maior parte da sociedade, que hai tempo que vén vivindo sen saber para que se vive, salvo certas excepcións", comenta.

Tal foi así que os cambios sufridos respecto a un novo modelo de vida pensa que colleron á xente co paso cambiado e iso cre que levou "á degradación dos valores humanos sobre o comportamento cívico condicionado en parte pola chegada de internet", porque di estar profundamente desgustado coa dixitalización de todo tipo de actividades "cando non estabamos educados nin preparados para poder aplicalas con sentido común".

Iso pensa que levou a rachar con algo ao que el sempre se acolleu, que foi "a cultura do esforzo", que entende que neste momento xa non se dá "en ningún exercicio: no traballo, na política, na economía. Chegouse a unha situación tan inhumana, onde todo é válido co fin de conseguir con présa e ás veces aleivosía o poder e o enriquecemento, exercendo un protagonismo maquiavélico onde o fin xustifica os medios". Admite que nas súas palabras "pode haber certa nostalxia, pero a verdade evidencia que hai moitas diferenzas na conduta xeracional".

Fala da chamada Xeración Silent ou nenos da guerra, á que el con 82 anos pertence, e que di que tiveron que "sortear as sombras das miserentas vicisitudes da vida nun pasado tempo. As novas xeracións nomeadas millenials, de 35 a 45 anos, e as posmillenials, de 25 a 35 anos, carecen de luces a pesar de ter mellores medios para facer fronte aos cambios experimentados por unha sociedade un tanto desnaturalizada". Non quere sinalar a ninguén con iso que di, pero cre que si é necesario sopesar "a andaina da sociedade no devir dos tempos, recoñecendo que todas as xeracións en xeral teñen a súa rémora, acertos e desacertos. Con todo, neste tempo, mal chamado moderno, estase estragando o núcleo fundamental dos valores humanos".

Comentarios