Aquel Quintanero de Foz na Primeira División do fútbol

Jesús Ares Otero xogou nos anos 50 no Celta e no Atlético de Madrid e tamén foi pioneiro focense cos arrastreiros de Gran Sol
O focense Jesús Ares, 3º pola dereita na fila de arriba, no equipo titular do Atlético de Madrid. EP
photo_camera O focense Jesús Ares, 3º pola dereita na fila de arriba, no equipo titular do Atlético de Madrid. EP

A vida de Jesús Ares Otero (Foz, 20-11-1933) é un encontro con dúas partes ben diferentes, unha primeira, de fútbol, e a segunda, de pesca. No descanso fichou polo Club dos seus amores: a Unión Deporvida Familia. Coñecera unha preciosa rubia que veraneaba na praia da Rapadoira e ao xogador profesional marcouna de cerca, ata nos paseos dos namorados en Ponferrada, cidade natal de Rosario Pardo Prada, con quen casou en 1961 e que o agasallaría con tres fillos: Ana, Jesús e Celia, a irmá que vixía as previsibles lesións propias da idade dos pais, nun primoroso chalé da praia de Llas.

1-Ares, xogador do AtléticoNas costeiras do bocarte e do bonito ao longo das décadas dos 50, 60 e 70 a saga mariñeira dos Quintanero de Foz á que pertencía Jesús era dunha sona excepcional en todo o litoral cantábrico, dende o porto de Laredo correndo a oeste toda a costa galega. Pero a casa armadora medraría aínda máis faenando ao arrastre e ao pincho con base no porto da Coruña a partir da botadura de dous gransoleiros, o Siempre Quintanero (1967) e mailo Eliseo Quintanero (1972).

Contemplando os álbums dos días da gloria deportiva, Suso recorda que de neno daba os seus primeiros toques de balón no lugar da Granda, ao pé do río. Ingresara no colexio Martínez Otero onde cursaría estudos ata os 14 anos. A esa idade xa desputou e despuntou nun Campionato de Inverno no que participaban, entre outros, o Viveiro, Burela, Ribadeo e Foz, club co que quedou campión.

3-Club Deportivo Foz-1944

Aos dezaseis anos trasládase a Lugo; alí pagaríanlle estancia e estudos a cambio de fichar polo equipo da capital en categoría de Segunda División, a Sociedad Gimnástica Lucense, previo traspaso do Club Deportivo Foz, asinado por Angelito Leitón. Fichara por 1.300 pesetas que lle daban para pagar pensión, manutención e maila estancia no colexio, quedándolle aínda 300 pesetas para gastos persoais. Pero a finais da primeira tempada de Ares, a Ximnástica retirouse da competición declarándose nunha suspensión de pagos que abocaría á súa desaparición. (Posteriormente, vai ser a semente, xunto co Deportivo Polvorín, do actual Club Deportivo Lugo).

4-Sociedad Gimnástica Lucen

No medio desta melé, o mediocampista é contratado polo Rácing de Ferrol, tamén de Segunda División, e no que xogará dúas temporadas e media que aproveita para cumprir co servizo militar e facer catro cursos de comercio que lle axudarán no futuro. En 1955, dende o equipo departamental será traspasado ao Celta, e xa no 57 vai firmar polo Atlético de Madrid cun traspaso record daquela, 1.250.000 pesetas asinando por tres tempadas.

7-Ficha Atlético de Madrid-

Ares xogaba en Primeira División. Nun Stadium Metropolitano con aforo para 50.000 espectadores. Habitual titular na alineación con dúas lendas da banda esquerda, os internacionais Enrique Collar e Joaquín Peiró, el ala infernal. Membro da plantilla aquel 27 de abril de 1958 no primeiro partido televisado en directo en España, un derbi Atlético-Real Madrid que remataría con empate 1-1, proclamando campión de Liga aos merengues e subcampión aos colchoneiros.

5-Partido co Celta

Pero ao segundo ano á beira do Manzanares as discrepancias co seu míster, o austrohúngaro Ferdinand Daučík, desligaría a Ares do club. Un focense, exquisito no céspede, non tolera adestramentos espartanos tales como aganchar polas bancadas do campo de fútbol. E un Quintanero con capital, menos aínda!

Pertencía ao equipo que xogou en 1958 o primeiro derbi Atleti- Real Madrid televisado en directo por TVE

Comezaría entón certa apatía polo mundo do esférico que o levaría a traspasos ao Málaga, Salamanca e Langreo; no equipo asturiano colgaría as botas en 1965. Así, un home cos pés na terra, que nunca andou ao mar, vai retirarse dos míticos estadios Los Miñones (hoxe, Anxo Carro), Manuel Ribera (A Malata), Balaídos, Metropolitano (Wanda), Campo do Calvario (Helmántico) ou La Rosaleda, para atracar no Muro pesqueiro da Coruña. Na procura doutras metas, fixo un cambio de xogo: as mallas da portería polas do arrastre. Foi aventurar os seus plans cun caneo a un pasado de éxito. Ao fío daquela nova e insólita etapa, coméntolle a Suso unha frase de Albert Camus: "No fútbol, como na vida, a pelota vén por onde menos a espera un".

6-Levante-Málaga, temporada

—Pois si! Quen me ía dicir a min, aburrido de vestiarios variopintos, que me dedicaría a pelexar con tripulacións distintas e patróns que rivalizaban á competencia, que se hoxe valeu máis a miña cigala… ou piques así entre eles? Aínda que gardo moi bo recordo dalgún, como daquel patrón de Celeiro, Manolo de Maño, que era un buenazo de home e defendía moi ben cada marea.

Pois si, quen me ía dicir a min que me dedicaría a pelexar con tripulacións distintas e patróns que rivalizaban

Os boniteiros de madeira deran paso a dous barcos de ferro, con base na Coruña, si, pero sempre lucindo con orgullo o nome de Foz na ponte. Son dous buques gansoleiros (38 metros de eslora e 299 GTs, o Siempre Quintanero) que Suso Ares vai administrar ao longo de trinta e seis anos. E cos bous viñeron as vacas gordas: mareas en Gran Sol de pixotín, meiga, pescada, e con aparellos máis vellos, nos cascos da Selva, copadas de cigala. O empresario Suso pescaba máis billete que o futbolista Ares.

8-Eliseo Quintanero

9-Vicente con Ares QuintaneCon todo, a ilusión do menor dos Quintaneros era que os irmáns socios, Eliseo e Moncho, despois de tantos días de mar, varasen os corpos e as mentes para descansar. Para Ares foi o gol da súa vida, a vitoria soñada: que os irmáns tamén colgasen as botas… de andar ao mar.

Unha mágoa que un veciño tan famoso que levou o nome de Foz polos campos de España e polos mares do Gran Sol non teña aínda un recoñecemento na súa vila natal
 

En corto
GRAN TEMPORADA
28 partidos
xogou Suso Ares na súa última temporada no Celta, a 1956-57, ás ordes do arxentino Alejandro Scopelli e con Che Gutiérrez como compañeiro no centro do campo na formación celeste. Custáralle entrar no equipo pero ese ano metera dous goles, un deles ao Deportivo en Riazor, con victoria do Celtiña por 0-3.

TRASPASO
O focense estivo 4 anos en Vigo
e a súa marcha ao Atlético de Madrid xerou certo revuelo, anque logo as 1.250.000 pesetas do traspaso lle viñeran ben ao club olívico. Publicouse que Ares recibiría 200.000 pesetas por temporada no Atleti onde brillaba a ala infernal de Peiró e Collar.

CON PEIRÓ-COLLAR
As estrelas dos anos 50. Jesús Ares xogaría seis partidos de Liga no centro do campo do Atleti e dous de Copa, naqueles tempos en que non era raro alinear un 4-2-4. Coincidiu no equipo co gran porteiro Manuel Pazos, de Cambados, que botou sete anos no Atleti e antes defendera a portería do Celta e do Real Madrid. E viviu os tempos do fútbol en que era o Madrid de Di Stefano, o Barça de Ladislao Kubala ou o Athletic Club de Bilbao de Gaínza. Na portada deste suplemento aparece no centro daquel Atleti do goleador Joaquín Peiró (agachado diante del), xunto a grandes dianteiros como Enrique Collar e Miguel González, os tres internacionais coa Selección Española.

Comentarios