lunes. 29.11.2021 |
El tiempo
lunes. 29.11.2021
El tiempo

"Quero que a rapazada poida usar a escritura para contar o que sente"

ARTEMISA SEMEDO- ACTIVISTA FEMENINA DE BURELA
Artemisa, este martes, en Burela. JMª ÁLVEZ
Artemisa Semedo é Su para a xente de Burela, onde se asentou coa súa familia con catro anos. Socióloga e poeta, está a impartir uns talleres de escritura creativa nos institutos da localidade como parte do programa do Observatorio da Mariña pola Igualdade para este 25-N

ASENTADA EN Madrid dende hai tres anos, Artemisa voltou á súa Burela por algo máis que por ver á familia, pois está a traballar cos estudantes de secundaria nun proxecto para tratar de que envorquen as súas emocións coa escrita que ela sabe que pode ser "unha ferramenta de sanación" como no seu caso foi a poesía.

En que consisten os obradoiros?

Trato de que a través de xogos e ferramentas perdan o medo de escribir e que poidan expresarse e abrirse a ese mundo imaxinario que pode ser a escritura.

Que pode ser unha liberación, como foi para vostede a poesía?

Para min a poesía foi unha ferramenta de sanación no sentido de empoderarme e de falar de calquera cousa con liberdade e me deu ferramentas para perder a timidez e me axudou a contar o que levo dentro sen ter medo da resposta que me vai dar a xente. Cando compartes co público as túas lecturas daste conta que moitas das cousas que che pasan lle pasan tamén a outros.

Onte tivo a primeira sesión, como resultou?

Quedei moi contenta. Ao principio, responderon cun pouco de vergoña, pero fóronse abrindo e ían saíndo producións máis extensas, porque eu lles pido ‘chicha’ (risas). Son talleres de catro horas, nos que imos de menos a máis para chegar ao máis complexo e ao final teñen que respostar a unha pregunta sobre violencia de xénero e patriarcado. É a primeira vez que fago estes obradoiros coa rapazada, o que lle agradezo ao Observatorio, porque tamén son unha oportunidade de sacar calquera tema.

"Tivo gran repercusión o acto de Afrogalegas que se nos chamase negras, é o que somo e estamos orgullosas"

En Burela viven moitas nacionalidades, pero non semella que convivan. Poucas persoas negras hai nas tendas ou empresas propias.

O racismo forma parte de algo estrutural da sociedade e habería que derribar moitos muros para poder chegar a esa integración e a acadar eses traballos, que non é por falta de capacidade. A maioría da xente que estudou está traballando fóra de Burela, pero agardo vivir para ver o cambio e podemos estar no camiño coas vindeiras xeracións.

Fundadora de Afrogalegas, segue a ser un movemento necesario.

Foi algo que xurdiu dunha xuntanza de colegas a raíz dun traballo dunha compañeira fotógrafa de mulleres galegas que non tiñamos pinta de selo é démonos contra de que había cousas que nos pasaban a todas e decidimos xuntarnos para tratar de cambiar esa mirada sesgada de cara ás feminidades negras. Tivemos moita repercusión porque fixemos unha pegada de carteis para que se nos chamase negras, porque non é algo malo, é o que somos e esta estamos orgullosas. Foi un momento de empoderamento e tamén de reivindicación da nosa dobre condición, de africanas pola nosa orixe e de galegas por ser onde nacemos ou vivimos.

"Quero que a rapazada poida usar a escritura para contar o que sente"
Comentarios