martes. 25.02.2020 |
El tiempo
martes. 25.02.2020
El tiempo

"Queremos recuperar a zona da ribeira do Perdouro para os veciños"

Bríxida Pino. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Bríxida Pino. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Bríxida Pino preside dende fai pouco máis dun mes a asociación de veciños O Vencello de Burela e a comunidade de montes. O seu obxectivo principal é ser útil ao pobo e traballar en proxectos que redunden na veciñanza.

Pasou máis dun mes dende que Bríxida Pino se puxo á fronte da asociación de veciños O Vencello e da comunidade de montes de Burela. Foron uns días intensos, de papeleo principalmente, para poñerse ao día da marcha dos asuntos de ámbolos dous colectivos, pero aínda así xa ten en mente proxectos para ir cumprindo pouco a pouco.

Como se decidiu a dar o paso de presentarse para presidir os dous colectivos?
Para a asociación de veciños xa levaba dándolle voltas dende o verán porque as eleccións eran en setembro. Foi a raíz de cousas que surxen na vida diaria, por exemplo, sempre que saio de Burela e volvo pola autovía doume conta de que o concello non existe e iso non pode ser, hai que facer máis presión para poñer fin a esta situación. No caso da comunidade de montes foi algo diferente porque se foi plantexando dentro das asembleas. Ao final aínda que son dous colectivos diferentes e coas súas particularidades, sempre hai algunha cousa en común.

Custoulle encontrar xente para formar os equipos?
É complicado porque ninguén se quere implicar. Na comunidade de montes, o equipo está integrado na súa meirande parte por xente que xa estaba e na asociación de veciños tamén é xente que formaba parte do colectivo, pero non da directiva, a excepción do vicepresidente. Fun tanteando ás persoas, tamén porque quería misturar xente nova e xubilados.

A área recreativa do Monte Castelo ten que estar máis coidada e hai que promocionala para que sexa máis usada

No caso da asociación de veciños, en que obxectivos se quere poñer a traballar?
Queremos manter diálogo co Concello e con outras institucións para ir arranxando cousas. Por exemplo, houbo protestas polo mal estado dos pantaláns e xa se están mellorando. Tamén faremos unha reunión coas principais asociacións para ir artellando posibles colaboracións e preocuparnos por cousas que afectan aos veciños. Queremos informalos de cal será o trazado da A-74 ao seu paso polo concello e sobre o plan de urbanismo ou a situación na que está a urbanización de Torrentes e para iso queremos botar man de profesionais de Burela. Outra das cousas que queremos conseguir é que se adecenten as rotondas da localidade e que para as vacacións de Semana Santa que estean preparadas as praias, ademais de que os paseos marítimos e o pobo en xeral estean limpos.

Teñen algún proxecto que lles gustaría sacar adiante?
Queremos que se mellore a zona da ribeira do Perdouro, ao final do Berbés, para que poda volver ser un espazo de desfrute para os veciños. Queremos que sexa unha zona accesible e que estea limpa, tendo en conta tamén a súa importancia xeolóxica, posto que é onde acaba a rasa cantábrica e empeza o botolito granítico de San Cibrao. Tamén temos en mente facer algo na zona do castro, pero máis adiante.

E no caso dos montes?
Agora mesmo as nosas prioridades son o monte, a mina e os deslindes. No caso do monte queremos mantelo en boas condicións para que a produción de pino, eucalipto e carballo sexa o que predomine e non as silvas. Xa limpamos a entrada ao monte Castelo ao lado do cemiterio para que estea o máis decente posible. Tamén manteremos unha reunión co Concello porque pensamos que se pode ter máis coidada a área recreativa e promocionala porque queremos que a xente use o monte. No caso da mina agora mesmo a empresa Área Minera del Atlánticos adebédanos uns 90.000 euros e, por dignidade, temos que reclamar esa débeda. E o deslinde hai que facelo por lei e ten que ser xa definitivo.

A forza da asociación é a da xente que nos respalde, por iso queremos que os socios asistan  ás asembleas

Teñen pensado facer algunha campaña de captación de socios?
Agora mesmo somos preto de 600 asociados e máis que unha campaña de captación o que queremos é que a xente mostre interés e vaia ás asembleas porque a forza que teña a asociación é a da xente que nos respalde. Vamos manter unha xuntanza para o mes de marzo e queremos que vaia o maior número de socios posible.

Diríxense os veciños a vostedes para facer peticións?
Si, para moitas cousas. En xeral á meirande parte da directiva coñecennos e somos xente de zonas distintas do pobo, polo que temos peticións de todo tipo. Por exemplo, pídennos un ascensor para o xulgado de paz porque só ten acceso con escaleiras.

A directiva anterior da asociación fixérase eco da sensación de inseguridade que lles transmitía a veciñanza.
Si, imos estar pendientes de como evoluciona este tema porque é verdade que se deron uns problemas que nunca houbera en Burela e o ideal é que este siga sendo un pobo tranquilo. Tamén imos plantexar ao Concello que revise o tema do alumeado para que funcione correctamente e haxa a iluminación necesaria.

"Queremos recuperar a zona da ribeira do Perdouro para os veciños"
Comentarios