Especial

"Queremos que o museo sirva para a dinamización cultural e turística"

Candia subliña que os espazos museísticos relixiosos e civís reforzan o papel de Mondoñedo como "capitalidade cultural"

A ALCALDESA de Mondoñedo, Elena Candia (PP), confía en que o museo de Álvaro Cunqueiro sexa "un elemento de dinamización cultural da cidade, xa que se atopa nun lugar emblemático como a Praza da Catedral, no epicentro urbano. Coa súa apertura tamén queremos contribuír á divulgación da obra de Cunqueiro e da súa achega á cutura galega. Este inmoble acollerá pequenas exposicións, presentacións de libros e conferencias". Candia subiliñou que con este museo tamén se salda "unha débeda que tiñamos co escritor máis representativo de Mondoñedo, pero tamén coa Mariña e con Galicia".

Que filosofía impulsa a creación deste centro cunqueiriano?

A nosa intención é crear un museo dinámico, que non quede nun intento errado que non cumpra as expectativas. Queremos que sexa un centro con actividade e vida. De aí a importancia da súa localización. A catedral de Mondoñedo atraeu o último ano a 28.000 persoas, que son potenciais visitantes deste museo, pero sobre todo queremos que sexa un lugar vinculado á actividade cultural. Para iso traballaremos en colaboración coa fundación Álvaro Cunqueiro co fin de conseguir bolsas para afondar na investigación da súa obra e traballamos na convocatoria dun premio de novela. Por suposto, tamén se creou un espazo de interese para o visitante, con distintos obxectos persoais e libros de Cunqueiro, así como vídeos sobre a súa persoa.

Pódese dicir que Mondoñedo ten vocación museística, tanto pola importancia do seu patrimonio como por outros proxectos en marcha?

Traballamos no proxecto do Museo da Imprenta, iniciado hai dous anos, para resaltar a importancia que esta industria e a prensa tiveron na cidade. A nosa aspiración é coordinar todos os recursos museísticos eclesiásticos e civís co fin de reforzar a imaxe de Mondoñedo como capitalidade cultural. Tamén facemos xestións para converter o noso municipio nun referente espeleolóxico, amparados no tirón das Covas do Rei Cintolo. Abriremos no Pazo de Santo Tomé, onde se atopa o edifico da fundación comarcal, unha biblioteca especializada cos fondos documentais que a Federación Española de Espeleoloxía lle traspasou cando desapareceu á súa homóloga galega.

O Museo contará tamén cun gastrobar...

O baixo terá unha taberna, cunha decoración axeitada ao conxunto do inmoble e que reflicta á achega de Cunqueiro á cultura gastronomica galega. Será un espazo que tamén contribuirá a darlle vida ao museo. Aínda no se adxudicou este espazo, pero no proxecto de musealización inclúense un dosier de ideas e suxerencias para lograr que ese local reteña o espírito de Cunqueiro. Para reducir custes, ubicaremos o Punto de Información Turística, cuxo persoal encargárase de atender as instalacións.

Coincidindo coa inauguración do museo entregaráselle a distinción Cunqueiriano Emeritus ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. É esta unha forma de agradecerlle o apoio a este proxecto?

O Concello ten razóns para estarlle agradecido polo seu apoio, pero, sobre todo, queremos recoñecer a implicación do conselleiro na recuperación do patrimonio cultural para poñelo en valor como elemento de atracción turística, unha filosofía que comparte co goberno local de Mondoñedo. Antes xa lle concederon esta distinción a Francisco Cal Pardo, polos seus méritos persoais e para lembrar o labor do seu irmán Enrique coa cultura e a historia da nosa cidade. Tamén recibiu esta distinción Darío Villanueva, anterior presidente da Real Academia Española.

Houbo colaboración da familia de Cunqueiro para crear o museo?

Tanto César Cunqueiro, o fillo do escritor, como a súa dona, puxeron un empeño especial neste proxecto coa cesión de distintos obxectos. Tamén queremos agradecer a colaboración dos propietarios da vivenda, ao cedela ao Concello por 50 anos.

Comentarios