As Quendas suspéndense e a Festa da Troita redúcese a algún acto simbólico

A organización das feiras mindonienses aposta polas San Lucas porque agardan que a situación sanitaria sexa mellor e na Pontenova traballan na programación para recordar a data
Mercado de gando nas Quendas de Mondoñedo nunha edición anteirior. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Mercado de gando nas Quendas de Mondoñedo nunha edición anteirior. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O calendario festivo da comarca da Mariña conta polo primeiro de maio con dúas citas relevantes: As Quendas de Mondoñedo e a Festa da Troita da Pontenova, as dúas declaradas de Interese Turístico de Galicia. O ano pasado non se puideron celebrar debido ao confinamento e neste ano correrán sortes distintas, xa que mentres a cita mindoniense se suspende totalmente, a pontenovesa contará con algún acto simbólico para recordar a data, aínda que non haberá nin concursos de pesca nin ningunha actividade que implique aglomeracións de xente ou que impida cumprir coas normas de seguridade que marca a situación de pandemia actual.

O presidente da asociación As San Lucas de Mondoñedo, Miguel Souto, recoñece que optaron por suspender As Quendas "xa que o estado de alarma aínda estará vixente ata o 9 de maio e ademais en calquera momento pode xurdir un gromo e extenderse moi rápido, polo que optamos por non facer nada". "Agora estase vendo a luz ao final do túnel, polo que é mellor ser prudentes e unir esforzos para celebrar As San Lucas no mes de outubro", indica. E é que a asociación decidiu apostar pola celebración das San Lucas, que xa o ano pasado contaron con algún acto para manter a tradición. "Daquela non había estado de alarma e a situación sanitaria era mellor e quixemos manter a tradición", explica Souto, que subliña que "este ano moita xente vai deixar as vacacións para finais de ano, cando a situación sanitaria sexa mellor, polo que contamos con que ás San Lucas poda acudir xente que outros anos non asiste porque son datas nas que xa está traballando".

Neste senso tamén destaca que o día grande, o 18 de outubro, cae en luns, "polo que a baixada dos cabalos pola cidade será o domingo e penso que é un bo día para que poda asistir moita xente a un espectáculo que sempre gusta moito".

Pola súa banda, o presidente do Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) da Pontenova, Francisco Rois, sinala que a Festa da Troita, que se celebra o vindeiro día 30 e o 1 de maio, contará este ano con algún acto simbólico para recordar o que sería a celebración. "Pensamos en facer algo simbólico para lembrar a data, pero aínda non están concretados todos os actos que se levarán a cabo", indica e recalca que está totalmente descartado calquera tipo de concurso no río.

Comentarios