Que foi de... Mercedes Rodríguez Moreda

Foi Diretora Xeral de Pesca despois de traballar e ser xerente da OPP-07 de Lugo durante anos o que a convirte nunha experta na materia. Agora está no bufete de avogadas con súa irmá en Foz
undefined
photo_camera Mercedes Rodríguez Moreda. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Esta focega que acadou o Premio Extraordinario de Licenciatura da USC en 1994 foi asesora xurídica da OPP-07 de Lugo e xerente de dito organismo pesqueiro desde 1999 ata que a finais de decembro de 2016 foi nomeada diretora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, cargo no que cesou parea volver ó que di que en realidade nunca deixou: o dereito, que agora exerce nun despacho con súa irmá en Foz adicándose "a todo" porque lembra que "nunca me din de baixa".

O seu traballo na OPP-07 foi moi detallista e ela lembra que foi moi dura e de moito traballo que a levou xa a tomar contacto con case toda a xente que logo lle serviría no seu posto de diretora xeral de Pesca, aínda que di que "alí, máis aló do que é a pesca propiamente dita, levaba moitas outras cousas como todo o vencellado a acuicultura, novas tecnoloxías aplicadas a este mundo".

E iso sen contar que era unha nova dimensión "porque me atopei con cincuenta persoas ó meu cargo. Na OPP eramos como moito tres persoas e iso foi un cambio grande para min. Cando cheguei vin que todo estaba moi organizado e moi compartimentado, e eu o que tratei foi de aprender. Deseguida vin que podía facer equipo porque había xente moi boa e iso axudoume a levar ámbitos novos para min. Sobre todo porque dirixir un equipo tan grande significa adquirir coñecementos transversais e saber delegar, que é tamén confiar plenamente na xente. E iso é imprescindible porque é un ámbito amplísimo. Hai que pensar que ata cousas de turismo tiña que levar".

O resultado foi que "aprendín moitísimo e coñecín a moita xente, adquirín novas capacidades e creo que tamén conseguín que se afixeran a min". O seu traballo ás veces implica levar reivindicación dun espazo moi concreto a algo tan amplo como é a Unión Europea. Niso lembra que "moitas cousas xa eran de competencia estatal e outras diretamente da UE, pero no que podíamos, eu xogaba coa vantaxe de que xa estivera moitos anos na OPP e polo tanto sabía onde tiña que ir, que portas tocar... Pero é certo que a Xunta ten as competencias moi limitadas. De feito, sempre se ve que é soe ser o propio ministro que está nas negociacións, e é por iso".

Dálle algo de mágoa que puido ver que se adoptan decisións "ás veces pouco prácticas, porque a pesca é moi desagradecida. Tómanse decisións en lugares onde ó mellor os funcionarios si coñecen e se implican, pero os cargos non tanto. Non soen chegar a Pesca por vocación. E agora o que está de moda non son intereses estritos da pesca. Fálase de biodiversidade dun xeito mal entendido ou de medio ambiente sen coñecer o sector. Iso nótase vendo quen está ó mando. Por iso ás veces é tan difícil facer oír a nosa voz".

Comentarios