jueves. 21.10.2021 |
El tiempo
jueves. 21.10.2021
El tiempo

¿Qué fue de... Fina Roca?

Fina Roca. EP
Fina Roca. EP
Máis aló de impartir maxisterio nas aulas, fíxoo tamén na vida liderando loitas como a da dotación dun hospital para A Mariña, a reivindicación da valía de mulleres vilipendiadas no seu libro ‘As Carrachentas’ ou mesmo a protección do edificio Barro

Fina Roca di que o seu paso por Viveiro como mestra é algo que xa forma parte da súa existencia e que desde alí emprendeu unha serie de andainas que a levaron mesmo a loitar pola construción do Hospital da Costa. Ten mágoa de que moito do que se pensaba que estaba acadado, parece que non o está tanto, e por eso di que seguirá na loita o que faga falla.

Fina Roca foi unha das que no seu día chamaron tolas porque se empezou a manifestar pedindo un hospital na Mariña: "Eu estaba farta de que as mulleres parísemos na Gañidoira, camiño de Lugo. A min por pouco me pasa co meu fillo, e protestamos moito daquela".

Fina Roca2Ela fala deseguido porque ten unha recua de vivencias que contar e con certa pena porque ve que dereitos que pensaba acadados, están outra vez en risco "e temos que volver manifestarnos, pero eu aí estou, e seguirei. Coa miña neta de once anos e súa nai, a última vez polo asasinato desa rapaza panadeira na Coruña, algo terrible".

Fina tivo unha intensísima actividade en Viveiro, aínda que agora volveu á Coruña, con visitas non tan ocasionais a Viveiro, "aínda que teño algún problema de mobilidade. E por certo, non sei por que nos quitaron un paso de peóns que había en Cantarrana que nos obriga a dar unha volta tremenda para cruzar a rúa. Non o entendo".

Fala moi claro co pouso que lle dá seguir dando conferencias sobre feminismo ou participar en táboas redondas: "Fun a primeira na Escola de Mestría facendo obras de Castelao. Eran tempos complicados para iso".

Despois foi contra a central nuclear de Xove, "unha aberración" que pensa que se puido facer "porque as esquerdas nunca están unidas. Nin van estar. As dereitas, si, e o bipartidismo é algo horroroso que nos leva ao que está pasando, que hai moi poucos avances".

Ten mágoa por moitas cousas que ve agora en Viveiro: "Vexo os xardíns de Noriega Varela como están e dame moita pena, é incomprensible ese deterioro. Se os políticos se puxeran de acordo polo ben común daríame igual quen gobernase, sempre que fora un partido democrático, claro. Pero nada. Como será que son incapaces de arranxar algo tan sangrante coma o do emisario de Celeiro. Logo están matando o patrimonio por todas partes: o natural, o arquitectónico e o cultural".

Ela tivo un momento de moita sona cando foi a última persoa á que desaloxaron do edificio Barro, nunha imaxe xa icónica e non o esqueceu: "Non podo, sigo sen saber onde están os meus mobles. Colléronme e leváronme de alí sen tempo nin para poder coller as miñas cousas, aquilo foi terrible. Empezouno Aja, que xa sabemos todos como era, pero é que logo veu Roel e co tema de que dicía que non podía facer nada, pois non se fi xo nada de nada".

Gustaríalle recuperar os nomes e volver falar cos rapaces e rapazas dos grupos de teatro que tivo en Viveiro

De agora pensa que Viveiro está nunha encrucillada na que haberá que loitar de novo: "Viveiro está en pé de guerra. Fíxate o que está pasando con Vestas, con Alcoa... Hai que defender os empregos e buscar solucións ou isto vaise poñer moi negro".

Sempre maquinando, Fina lanza un chamamento aos rapaces e rapazas que traballaron con ela en Viveiro nos grupos de teatro "porque perdín completamente contacto con eles e os seus nomes, algo que me gustaría recuperar, así que, se poden, a ver se se poñen en contacto conmigo a través de Facebook". E segue reivindicando ás Carrachentas, "as primeiras turistas de Viveiro que viñan darse os baños de setembro, pero nin unha placa hai que as lembre".

¿Qué fue de... Fina Roca?