Exconcelleiro en Cervo

¿Qué fue de... Emilio Glez. Legaspi?

Foi un dos que loitou no confl ito do Casón e na reclamación dun tren de laminado que hoxe tería mudado o presente da comarca
Emilio González Legaspi. EP
photo_camera Emilio González Legaspi. EP

A cabalo entre os oitenta e os noventa Emilio González Legaspi entrou en política co PSG-Esquerda Galega e, despois de moitas voltas, facilitou a toma de posesión como alcalde de Cervo de Roberto Álvarez (polo PSOE), "aínda que o que tiña que ser alcalde era Ismael Rego, pero por algo interno entre eles, eso acabou así". Tamén estivo polo medio unha parte do CDS, non toda. E tocoulle vivir un dos feitos máis salientables da historia da comarca, a crise dos bidóns do Casón en Alúmina Aluminio "algo do que xa se sabe que pasou a menos apareza agora algunha gravación de Villarejo". O curioso é que eles levaban templo reclamando a construción no complexo industrial dun tren de laminado, reclamación chave para mudar por completo o futuro da comarca da Mariña e que non puido ser por cuestións sen aclarar.

Califica aquel episodio de "tenso e moi desagradable". O seu partido "posicionouse sempre en defensa dos traballadores. Daquela o comité tiña moitísimo peso e conseguiran importantes melloras salariais, pero cando pasou eso, Solchaga desde Madrid dixo o que había que facer e o PSOE de Cervo obedeceu aos seus xefes como facían sempre dixeran o que dixeran".

Tamén foi tempo para a segregación burelá. Outro capítulo "moi desagradable porque era enfrontar a veciños con veciños cando nós víamos o que había detrás, que era un interese do PP por desmontar un goberno do PSOE co que non podían, e intuiron que ese era o xeito de facelo, como efectivamente así se deu despois. Pero aínda así tamén foi un proceso interesante de vivir para un político". De feito, xeralmente da súa etapa política di que foi unha escola de aprendizaxe "que me permitíu ver como se fan moitas cousas desde dentro".

Pero o seu labor non foron só episodios deste tipo, Emilio González fixo un importantísimo labor dirixindo O Trasno ou no colectivo cultural Buril "onde facíamos un traballo galeguista diferente ao de bailes e traxes tradicionais, que xa había e hai quen o fai moi ben. Nós buscabamos cousas coma o teatro ou recuperar o Antroido. Un enfoque multicultural no que a verdade é que aprendín moitísimo e do que estou moi orgulloso".

En canto a O Trasno, foi unha revista cultural referencial para A Mariña xurdida no momento xusto: "Parecía que fixeramos un estudo de mercado porque tiñamos unhas expectativas que realmente se cumpriron. Conseguimos autofinanciarnos sen xerar beneficios, pero si saíndo adiante con moito anunciante de Burela, algo de San Cibrao e en menor medida doutros lugares. Nós traballabamos de balde, pero realmente eramos tan mozos que nos implicamos moi a fondo en facer o produto que fixemos e que penso que foi moi digno".

Destaca por riba de todo que O Trasno foi un proxecto "moi aberto e transversal, dando voz a unha morea de xente de sensibilidades moi diferentes" e de feito lembra que a revista tivo "moitísimas persoas participando e colaborando en distintos momentos". Visto retrospectivamente mesmo di que moitas das análises que se fixeron daquela se viron certificadas e serven para hoxendía.

CURRÍCULO
Foi concelleiro co PSG-Esquerda Galega no Concello de Cervo nuns anos complexos que el califica de "corporacións movidas", mais amósase tan satisfeito do seu traballo político coma do cultural, onde foi un destacado integrante do equipo que xestou O Trasno ou mesmo o colectivo cultural Buril.

 

Comentarios