¿Que foi de...Benito Longarela?

O que máis lle gusta do seu paso pola política é a sensación de que lle axudou á xente a solucionar algúns dos seus problemas
Benito Longarela. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Benito Longarela. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A Benito Longarela os dezaséis anos que estivo como concelleiro di que lle deixaron un bo sabor de boca porque "aínda que os houbo bos e non tan bos" di que foron claramente "unha ferramenta para mellorar a vida da xente, porque aínda que non chegamos a gobernar, creo que contribuín con algunhas cousas a mellorar Barreiros". Iso si, o de voltar á política é outra cousa e di que a nivel municipal "é algo que non me plantexo. Se volvo na lista, vai ser como apoio. Pero estou contento do labor que se fixo e tamén de como está a funcionar este goberno do que si que formamos parte, e penso que a nosa concelleira e secretaria xeral está a facer un bo traballo", comenta por Carmen Veiga.

Benito Longarela, en 2003
Benito Longarela, en 2003

El estivo na oposición ante tres alcaldes, Manuel Díaz Sampedro, Luis Fraga e Alfonso Fuente. "Luis estivo moi pouco tempo e non lle deu tempo a facer practicamente nada, pero con Manolo estiven moito tempo, e logo Alfonso xa tivo outra forma de gobernar moi distinta, pero teño que dicir que con todos eles, e tamén co resto dos concelleiros, mantiven sempre boa relación no persoal, aínda que no político non estivésemos de acordo".

De feito, mantivo algún momento de tensión con Fuente Parga que el lembra ben: "Si que houbo tensión, si, porque eran os momentos de todo o tema urbanístico e nós non estabamos de acordo co que se estaba a decidir e fun moi crítico con el, pero só desde o punto de vista político. E aínda que no político a relación era tensa, fóra de alí non tiven problemas con el e a día de hoxe non somos amigos, pero teño unha boa relación con el cando nos vemos".

De Díaz Sampedro lembra a súa calidade como persoa: "Tiven moi boa relación con el. Cando entrei, eu era moi novo e teño que dicir que mesmo me axudou. Facilitábame as cousas. Puido poñerme atrancos para que facer oposición fose máis difícil, pero non, foi todo o contrario".

Benito ten boas palabras mesmo para concelleiros do seu partido que tiveron unha saída pola porta de atrás. Di que tivo boa relación con Lens "e tamén con Rojo, que despois se pasou ao PP e agora é concelleiro deles, pero nunca tiven con ningún desencontros persoais, só políticos, e agora a relación que teño con eles é normal, boa".

Pensa que isto é así porque "a política municipal é a menos ideolóxica de todas. Tes que arranxar problemas do día a día como puntos de luz, asfaltados... Problemas da xente que se lle plantexan no seu día a día e polos que che preguntan, e deixar de lado outras cuestións que son importantes, pero non para un pleno".

Agora, Benito di estar moi centrado na organización das festas do seu pobo, Vilamar, "e somos só 25 casas, pero facemos unhas festas bastante boas, con moitas actividades".

Comentarios