¿Qué fue de... Ana Martínez?

Entrou na política por pura fección e foise dela sen facer ruído cando se sospeitaba que podería ter unha carreira máis fonda. Hiperactiva, moi resolutiva e sempre con ideas bulíndolle na cabeza, deixou en Ribadeo a sensación de que marchou cando aínda tiña moito que dicir 
Ana Martínez, exteniente alcalde Ribadeo. EP
photo_camera Ana Martínez, exteniente alcalde Ribadeo. EP

O mundo da política sempre lle gustou a Ana Martínez, e entrar nel foi algo case inevitable. Seu pai foi alcalde de Ribadeo e o que lle deu o primeiro consello cando saíu elixida concelleira.

"Agora xa eres de todos", lle dixo, e conta que non o esqueceu nunca e que foi algo que tivo sempre presente. Tamén di que non lle deu moitos máis consellos, seguramente porque el foi alcalde nos primeirísimos anos oitenta, cando a política era outra cousa e, seguramente, mellor.

Agora que a deixou traballa en dúas farmacias que ten en pequenas poboacións de Asturias e di ter moito máis tempo para a familia que, láiase, tivo desatendida naqueles anos no Concello que foron de traballo e máis traballo continuo.

Seguramente por iso di que a política "non a boto nada en falta, pero si que teño que dicir que foi un periodo moi intenso e no que aprendín moitísimo. Penso que pasar por ela aportoume un enriquecemento importante. Pero dito iso, valorando entre o que gañas e o que perdes a nivel familiar, quédome coa familia sen dúbida".

Daqueles anos conta que non entendía que a política lle roubara hora ningunha. "As miñas áreas eran moi dinámicas. As técnicas eran moi boas e aportaban moitas horas para levar a cabo proxectos e iniciativas. Iso acabábate levando a unha dinámica de hiperactividade que non era nada boa, porque vives os proxectos con tanta intensidade que acaba por non ser algo positivo".

Ela era das que non miraban o reloxo e entregábase ao cento por cento "pero como entendo que se entregan quen se dedican á política nunha porcentaxe altísima, que están para servir á xente á que representas. Ás veces conséguese e ás veces, non".

Das eivas que ve na política subliña unha que pensa que é grave, en xeral: "Dáse pouquísima participación á xente. A min tamén me pasou, e pasoume porque cando estás metida nesa rolda, non sabes se iso é o mellor, se deberías abrir a participación á cidadanía totalmente para así evitar confrontacións, pero eu agora vexo claramente que xerar un clima político aberto é algo básico, fundamental".

Diso falou moito con seu pai, "da forma de vivir a política e aínda que aquela era outra época, penso que a política de agora derivou cara a un punto de vista errado, no que hai certo ‘postureo’ no senso de que os políticos venden demasiadas cousas, publícase absolutamente todo o que se fai sen dar opción a que a xente se pronuncie, e eu penso que iso é algo que non é nada positivo".

Co cal, reflexiona, tería que ter un contrapeso "que é o das cousas que non consegues levar adiante. Teríamos que reflexionar tamén por que non se puido acadar algo, que se fi xo mal".

E ela non escapa diso e fai autocrítica: "Claro que me quedaron cousas por facer, porque eu sempre tiven claro que quería seguir transformando Ribadeo desde a miña concepción dunha política de esquerdas. Falo por exemplo da transformación da praza de abastos e a súa contorna. Sigo convencida de que sería algo fundamental porque ademais vexo que é algo que xa se está a facer no resto de Galicia, non sei por que en Ribadeo non podería ser tamén, porque axudaría moito".

E remata dicindo que, en todo caso, pensa que o de marchar tras oito anos estivo ben "porque a vida pública está ben por un tempo limitado, polo menos para min. Atinas, cometes erros e marchas. Eu, no meu caso, non souben ver cousas e erros meus que tiña que ter percibido".

Comentarios