¿Que foi de... Xoán Moreda Pinto?

Foi un home tan íntegro que a día de hoxe recoñécenllo de todos os partidos e iso empuxouno a marchar dun goberno do que era número 2 ►Durante doce anos o nacionalista estivo na corporación de Foz como oposición e como concelleiro de urbanismo
O exconcelleiro do BNG de Foz Xoán Moreda Pinto. AEP
photo_camera O exconcelleiro do BNG de Foz Xoán Moreda Pinto. AEP

Xoán Moreda Pinto empezou en política cando nin votar podía, aos 17 anos, falando da Constitución que se ía votar. Nacionalista declarado pero aínda máis comprometido coa ética e a moral, di gardar lembranzas dispares das distintas fases que viviu "pero como resultado vital, diría que a política é unha experiencia enriquecedora, mais teño que dicir que tamén algo decepcionante, cando menos no meu caso porque tiña uns principios éticos moi fortes que me levaron a esa sensación".

Agora xa se esquece, pero na corporación de Manuel María Neyra de Foz os plenos "eran terribles", lembra Pinto, quen fai unha lembranza especial a Paco Otero e Paco Teixeiro, "que me acompañaron moito e traballaron canda min". Asegura que Neyra "era un home de boa fe ao que as arroutadas botábano a perder". Con todo, di que ao rematar aqueles plenos ían "a algún dos bares a falar tranquilamente, porque nos propuxéramos que todo aquilo non afectase á nosa vida privada e ás nosas relacións coa xente, algo que conseguimos só en parte". Conta que nun pleno no que se falaba da privatización do servizo de augas "de súpeto Neyra, que estaba como distraído, dixo Están falando comigo? Porque eu de auga non sei nada de nada, eu só sei de Vega Sicilia. Se queren algo de auga pregunten ao portavoz municipal. Aquelas saídas que tiña contribuían a rebaixar a tensión".

Os plenos
Conta que malia a tensión que había con Neyra, ao rematar ían tomar algo todos xuntos sen problemas

Tamén lembra cando o PP de Foz votou a favor da autodeterminación de Galicia "nunha moción que nin sequera presentaramos nós. E cando vimos que votaban a favor quedamos abraiados, pero Neyra dixo: Boi ceibo, ben se lame, e para adiante".

Xoán Moreda Pinto. AEPCuriosamente, esa alegría que amosa cando fala dos seus primeiros anos na oposición, pérdea un pouco cando fala do seu paso polo goberno, un goberno en minoría xunto co PSOE de García Rivera no que el era concelleiro de urbanismo "con todas as competencias" e do que dimitiu. Pero aclara: "Agora dise que me fun polo resultado dun referendo pero non é certo, eu funme porque se estaban facendo cousas da miña competencia directa nas que non interviña e que non se asinaran no pacto de goberno. Eu tiña un posicionamento moi claro sobre o crecemento urbanístico de Foz que non cadraba co que se fixo neses anos, nos que por certo a presión dos construtores era enorme. Chegou un punto no que cheguei a perder as competencias das obras menores, así que xa non tiña sentido que seguira, e marchei do goberno, pero coa responsabilidade de non apoiar unha moción de censura".

E tamén aclara que "eu a Pepe (Rivera) quérolle moito, é un bo home, pero gobernando era unha persoa que cambiaba moito de opinión, e a min así facíaseme moi complicado poder traballar. Pero persoalmente non teño nada que dicir del e temos moi boa relación. Niso non hai ningún tipo de problema".

Dimisión
Asegura que non dimitiu por perder un referendo, senón porque o seu posto perdera todo o sentido

Despois daquilo di que se volveu presentar porque detectaba que o Bloque de Foz tiña problemas e que non estaban en bo momento electoral. Os resultados foron malos e aínda botou dous anos máis nos que fixo de oposición coa seriedade de sempre.

Agora, xa xubilado como profesor de Filosofía, di que se dedica "a escoitar música, andar na bici, na moto e tamén á lectura, que me gusta moito", e sobre a política comenta que "a local non a sigo tanto, máis a autonómica ou a estatal, a verdade. Pero si que a sigo, porque recoñezo que é algo que me gusta moito".

Comentarios