Xoán Antón Monasterio aparcou a bicicleta na que soía andar a miúdo ata o ano 2000, polo menos a nivel organizativo. Era o presidente do Clube Ciclista Ribadeo e lembra que a creación de Pena Tallada saíu dunha xente coa que soía saír na bici "porque víamos que moitas rutas se podían facer camiñando e tamén pensamos en levar ás mulleres, que na bici non ían". E así xurdíu Pena Tallada, o primeiro clube organizado da comarca mariñá que en só dous meses se atopou con oitenta socios. Agora mesmo andan polos 220.
Despois de constituir o grupo en decembro de 2000 en xaneiro de 2001 fixeron a primeira ruta e desde aí só deixaron de camiñar pola pandemia. "En decembro xa enviamos ós socios a programación de todo o ano para que a xente se faga unha idea e se planifique". A programación das rutas tamén foi mudando co tempo: "Cando empezamos compraba libros, porque non tiña internet e era máis complicado. Sempre facía as máis sinxelas e curtas no inverno para deixar as longas e algo máis complexas para o verán, cando os días son máis longos".
Daquela lembra que "eu ía sempre facer a ruta para ver como estaba todo porque con nós vai xente moi distinta e non todos poden facer o mesmo á mesma velocidade, así que sempre o comprobaba todo antes. E mesmo agora non está de máis, porque malia que temos GPS e aplicacións para descargar as rutas, na última que fixemos, por exemplo, ocurríuseme ir vela, e menos mal, porque había dúas pontes e as dúas as levala a riada, así que tiven que buscar alternativas para salvar o río".
PROGRAMACIÓNS MOI AXEITADAS
Outra cousa que xoga ó seu favor é o coñecemento "porque moitas das que facemos son da zona da cornixa cantábrica e de Galicia, e son zonas que coñezo perfectamente", o que tamén axuda a facer unha programación o máis axeitada posible. Pena Tallada tamén fai rutas algo máis complexas: "Moitas veces", explica, "o que facemos é plantexar alternativas. Percorridos máis sinxelos e outros máis complexos". Non fan escalada: "Si que temos xente que está federada e que a fai, pero cando se da o caso, van pola súa conta. Como Pena Tallada non facemos, aínda que si se fan algunhas rutas complexas e mesmo fixemos algunha invernal con uso de grampóns".
Todo queda recollido nunha cuidadosa páxina web da que el mesmo se encarga para que todos os que queiran ver a súa actividade poidan facelo e, agora, permite descargar as rutas que fan.
Pero Monasterio avisa: "Xusto agora acaba de ser a asamblea de socios e volvéronme elixir presidente. Xa lles dixen que eu non seguía. Vou rematar con 72 anos e penso que xa non está mal, así que terá que vir alguén coller o relevo. E senón, pois desfarase isto, e sería unha mágoa".