O Psoe de Riotorto denuncia a convocatoria dun pleno local para cobrar retribucións

Manifesta que a iniciativa do rexedor popular, demostra que as súas ambicións son "persoais"

Clemente Iglesias, alcalde de Riotorto. AEP
photo_camera Clemente Iglesias, alcalde de Riotorto. AEP

O secretario xeral do PSOE de Riotorto, José García, denunciou este xoves nun comunicado remitido aos medios "a rapidez do alcalde para querer cobrar o salario do Concello, que superará os 3.000 euros ao mes".

Esta acusación débese a que o rexedor , o popular Clemente Iglesias, convocou un pleno para o sábado, a continuación do da toma de posesión, cuxa orde do día recolle as "retribucións municipais" como único punto. 

Así, José García subliña que "o señor Iglesias demostra, unha vez máis, que o único que lle preocupa do Concello de Riotorto é cobrar canto antes a dedicación exclusiva, uns 36.000 euros ao ano". Pero non lle importa baixar o IBI aos veciños ou mellorar o servizo de recollida de lixo municipal", apunta. 

"Para o Alcalde do PP a urxencia deste Pleno é contar coas súas retribucións, que por certo, aumentan uns 200 euros ao mes con respecto a anterior lexislatura. Con estas actuacións o Partido Popular evidencia que só queren manterse no poder para fins persoais. Para eles o Concello de Riotorto é un chiringuito máis", censura García. 

Comentarios