Autor de 'Os irmáns de América'

Prudencio Viveiro Mogo: "Os emigrantes miraron de mellorar os seus pobos"

Seguir as pegadas da emigración do Valadouro na Habana a través da prensa, con medio cento de xornais, entre eles El Progreso, é a base do traballo do historiador local, co que busca pór en valor o labor dos que marcharon e nunca esqueceron as necesidades que deixaban
Prudencio Viveiro Mogo. LUIS POLO
photo_camera Prudencio Viveiro Mogo. LUIS POLO

Vén de publicar Os irmáns de América, que é unha extensión doutros traballos sobre a emigración no Valadouro. Que inclúe?
A intención é seguir as pegadas que deixou a emigración do Valadouro en xeral e a sociedade Valle de Oro en particular na prensa, tanto na galega como na cubana.

Unha pegada importante, pois os periódicos eran o nexo de unión. De feito, dice que A Habana foi a parroquia 20 (hai 19 entre os concellos de O Valadouro e Alfoz). Sorprende esa relación tan próxima.
É difícil comprendelo porque sempre tentamos mirar o pasado cos ollos do presente, pero realmente a distancia imaxinada entre A Habana e O Valadouro era moito menor cá distancia real. A emigración era algo cotiá. O termo da parroquia de acolá acuñouno o investigador José Antonio Durán e é realmente moi acaído.

Que busca nesta investigación?
Quixen poñer o acento na sociedade de instrución El Valle del Oro, na teima que puxeron en crear escolas nas parroquias. Os emigrantes eran tremendamente conscientes das necesidades que tiñan os lugares que deixaban e sentíanse responsables de buscar as melloras dos seus pobos, mesmo en educación como en rehabilitar un lavadoiro ou unha fonte, as festas… E os daquí tampouco se cortaban nada en pedir.

O libro quere recoñecer ese labor, que semella está esquecido.
Xustamente, e creo que debemos manter viva a súa memoria. Non valoramos o que iso significa porque eles marcharon á emigración para buscarse a vida, non tiñan obriga de facer máis e porén sacaron tempo do pouco que tiñan, comprometeron o seu diñeiro para axudar aos que aquí quedaban e iso é algo que temos que valorar o recordar. En xeral, a memoria histórica é moi débil e a da emigración tamén. A Joaquín Díaz Villar, que foi secretario da sociedade Valle de Oro en 1917, os seus veciños de Vilacampa puxéronlle un busto por todo o que fixo, pero quen non coñeza a historia non sabe quen é. A emigración é moito máis ca un legado material, é algo inmaterial que hoxendía segue e non está valorado o suficiente. O traballo ten ese obxectivo de traer a emigración á memoria actual.

Seguindo con Díaz Villar, foi un dos que volveu millonario, que non era o habitual.
Houbo xente que fixo cartos e outros que volveron pobres, pero no caso de Joaquín Díaz foi un dos poucos que chegou a ter boa posición, poder e diñeiro. Foi desas persoas que foron subindo en todos os escalafóns e chegou a ser presidente do consello de administración de El Encanto, que eran uns almacéns moi famosos, repartidos por departamentos e tanto os fundadores de El Corte Inglés como de Galerias Preciados se formaron neles. Foron incautados no 1960 e terminaron destruidos por unha bomba, da que non está clara a súa autoría, pero el xa emigrara un ano antes a Miami. Viña bastante por Galicia e a última vez foi no 1970, catro anos antes de morrer.

Entre as cousas que máis sorprenden do libro está, por bo, que houbo valadourenses como José María Candia Nécega que en 1905 participou na creación da Real Academia Galega e, polo malo, que houbo xente tratando de lucrarse co comercio dos emigrantes.
A cultura foi por riba de todo unha das grandes preocupacións dos emigrantes do Valadouro na Habana, pero falar da Real Academia xa cobra entidade de país. En canto á segunda cuestión, eu aposto por reivindicar o papel positivo da emigración, pero non quero mitificala, porque todos os procesos históricos teñen a súa cara e a súa cruz e si, había persoas que estaban a soldos das navieiras para encamiñar xente cara a emigración e o mesmo pasaba cos que tiñan fondas na Coruña. O máis grave é que moitos foron inmigrantes.

Que papel tivo a sociedade El Valle de Oro?
Fundamental, xa que foi a entidade que articula todas as actividades. Foi creada o 15 de setembro de 1907 por medio cento de socios e, segundo as previsións máis optimistas, chegaría a ter 300. Aportaron os cartos para construír as escolas de Vilacampa, Cadramón, Bacoi e Adelán, ademais de axudar coas de Moucide, Santo Tomé e Santa Cruz. A maiores diso, deron axudas para material e premios escolares, pero non só foron escolas, pódese dicir sen temor a errar nin esaxerar que a igrexa de Ferreira rematouse grazas ás aportacións dos emigrantes e senón fora por Ramón Canoura non se tería acabado, porque foi o que ‘canalizou’ as achegas da Habana para poder rematar o templo.

Comentarios