O programa integrado de emprego de Mondoñedo reforza as posibilidades laborais dun cento de participantes

A Xunta de Galicia e oito concellos (Mondoñedo como entidade promotora, Outeiro de Rei, Friol, Rábade, Begonte, Cospeito, Castro de Rei e Abadín) invisten máis de 280.000 euros no proxecto, que remata este luns
Programa integrado de emprego de Mondoñedo. EP
photo_camera Programa integrado de emprego de Mondoñedo. EP

Mellorar a ocupabilidade e facilitar o acceso ao mercado laboral dun cento de persoas en situación de desemprego: esa é a meta coa que o Concello de Mondoñedo promoveu o seu programa integrado de emprego, no que tamén colaboraron activamente os municipios de Outeiro de Rei, Friol, Rábade, Begonte, Cospeito, Castro de Rei e Abadín.

Con este fin, mobilizáronse un total de 282.198,89 euros, que asumiu maioritariamente a Xunta de Galicia ao destinar un financiamento de 250.000 euros a través da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade, mentres que os municipios achegaron un cofinanciamento de 31.198,89 euros de fondos propios.

Programa integrado de emprego de Mondoñedo. EP

Esta iniciativa pública, da que se beneficiaron un cento de persoas en situación de desemprego, permitiu desenvolver un proxecto integral de acompañamento ao mercado laboral que foi máis aló dos propios cursos, que se realizaron tanto en modalidade de teleformación coma presencial, ao incluír tamén accións de información, orientación, asesoramento, prospección de empresas e intermediación laboral.

Neste senso, dotouse de ferramentas e de coñecementos a todas as persoas participantes, as cales iniciaron o seu percorrido no programa con orientacións individuais que lles axudaron a fixar un obxectivo profesional propio que estivera acorde tanto co seu perfil e experiencia laboral coma coas súas demandas e as do mercado actual.

Programa integrado de emprego de Mondoñedo. EP

Deste xeito, púxose en marcha un amplo abano de alternativas formativas orientadas a diversos campos, dende a formación das chamadas habilidades sociais, cada vez máis requiridas nas ofertas de emprego (comunicación, intelixencia emocional ou traballo en equipo) ata as necesidades dos novos sectores de actividade e as oportunidades laborais que representan (ecoturismo ou desenvolvemento web para comercio electrónico), pasando por outras propostas máis convencionais que continúan a ter moito auxe no mercado laboral, coma a condución de carretillas elevadoras, a limpeza en instalacións e equipamentos industriais ou o inglés profesional para o turismo.

COLECTIVOS PRIORITARIOSO proxecto dirixiuse a persoas en situación de desemprego incluídos nalgún destes colectivos: persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos con baixa cualificación ou cualificados e tamén as persoas maiores de 45 anos

Verónica Fernández, técnica e coordinadora do Programa Integrado de Emprego: "A metade das persoas participantes acadaron xa unha oportunidade de incorporarse ao mercado laboral"

O programa integrado de emprego lévase a cabo con tres técnicos, asumindo as funcións de xestión e coordinación cos oito concellos integrantes Verónica Fernández

Que balance fai do programa que remata mañá?
O resultado é positivo se temos en conta que xa durante o propio programa practicamente a metade das persoas demandantes de emprego acadaron unha oportunidade para incorporarse ao mercado laboral. Isto foi posible grazas á súa mellora de competencias e, por tanto, da empregabilidade e tamén da intermediación laboral realizada polos técnicos, que contactamos co tecido empresarial para coñecer as necesidades de persoal en función do perfil profesional de cada unha das persoas demandantes.

Cal é o papel dos técnicos?
O labor dos técnicos é de información, orientación e asesoramento ás 100 persoas participantes do programa mediante entrevistas individuais coas que coñecemos a traxectoria profesional, académica e formativa de cada persoa participante, as súas expectativas e motivacións co fin de definir un itinerario personalizado de inserción laboral. Así, definimos o seu perfil profesional cos seus obxectivos, co que establecemos as liñas de actuación que nos permitirán mellorar a súa empregabilidade.

Os técnicos fan un traballo de seguimento continuo de cada itinerario persoal de inserción mediante as entrevistas e o asesoramento individualizado

Este traballo faise só ao inicio do curso?
Non, estamos en contacto continuo con cada persoa participante no programa, que recibe en todo momento información, orientación e asesoramento coa finalidade de facilitarlle as ferramentas axeitadas de cara a mellorar o proceso de busca de emprego. Neste senso, facemos un seguimento de cada itinerario persoal de inserción mediante as entrevistas, un labor que queda documentado para cada unha das persoas participantes, ao tempo que as asesoramos, entre outras cuestións, na elaboración do seu propio currículo, na preparación dunha entrevista de traballo con éxito, no rexistro nun portal de emprego, no emparellamento de ofertas de emprego...

Programa integrado de emprego de Mondoñedo. EP

Cales foron os cursos máis demandados?
O certo é que se ofertou ás persoas participantes un amplo abano con 31 especialidades formativas dentro do catálogo de especialidades do Servizo Público de Emprego Estatal moi demandadas nas ofertas de emprego actuais. Entre elas, houbo algunha na que participou a metade do alumnado, coma a de manipulador de alimentos, mentres que no curso básico de prevención de riscos laborais tivemos 42 persoas. 

As 31 especialidades formativas que ofrecemos son moi demandadas nas ofertas de emprego actuais, coma o curso de manipulador de alimentos, no que participou a metade do alumnado

Laura Barreira, participante do Programa Integrado de Emprego de Mondoñedo: "Dende que iniciei o programa, conseguín dúas experiencias profesionais e unhas prácticas"

Graduada en Educación Social pola Universidade da Coruña, Laura Barreira foi unha das persoas que recibiron unha formación transversal ao abeiro deste proxecto.

Como foi a experiencia?
Moi boa, serviume moito porque nunca antes tivera contacto co mercado laboral. Axudoume a potenciar a miña formación naqueles aspectos nos que estaba máis interesada, xa que puiden elixir entre un amplo abano de cursos. Ademais, sentinme acompañada en todo o momento dende a primeira sesión coa técnica, á que lle comentei cal era a miña situación persoal e profesional e marcamos un obxectivo profesional. A súa axuda foi decisiva porque me guiou na elaboración do meu currículum vitae e tamén me explicou como usar internet para buscar emprego, apoiándome no rexistro en distintos portais de emprego.

Cal foi o resultado dese traballo?
Pois dende que iniciei o programa, conseguín dúas experiencias profesionais como monitora de tempo libre e outra no ámbito da docencia, que é a que desenvolvo actualmente, e tamén fixen unhas prácticas acordes coa miña formación académica, na Fundación Educativa e Social Dignidade (centro de menores de Mondoñedo), e que foron moi distintas ás curriculares que realicei no grao.

O primeiro paso é a entrevista a fondo coa técnica, quen che axuda a enfocar o programa e a escoller os cursos segundo as túas prioridades e a establecer o obxectivo profesional

Como é o procedemento para acceder aos cursos?
Todo comeza cunha entrevista a fondo coa técnica, coa que compartín a miña formación, a experiencia profesional e tamén que os obxectivos que persigo. Ela é quen che axuda a enfocar o programa e é a túa figura de referencia para calquera dúbida. Despois desas orientacións, escolles os cursos dentro do amplo listado que nos ofrecen e fómolos realizando. Neste ano había formación en campos tan diversos coma a igualdade de oportunidades, novas tecnoloxías ou o medio ambiente, por citar só tres.

Programa integrado de emprego de Mondoñedo. EP

Recomendaríaslle este programa a outras persoas?
A verdade é que si, tanto se é alguén que non ten experiencia no mundo laboral, como era o meu caso, como para esa xente que, por razóns de idade, non está tan familiarizada coa rede e non ten coñecementos de como buscar emprego a través de internet. Segundo a miña experiencia, a axuda que che dan é moi importante porque che explican todo o que tes que saber e que moitas veces xa se dá por suposto, como a elaboración dun bo currículum vitae ou as plataformas nas que podes atopar emprego.

Este programa é bo tanto para persoas que non teñen experiencia no mundo laboral, coma min, coma para aquelas que non están familiarizadas coa busca de emprego na rede