viernes. 22.01.2021 |
El tiempo
viernes. 22.01.2021
El tiempo

A profesora burelá Ana Moreiras ilustra as súas reflexións durante o confinamento

Ana Moreiras, coas súas ilustracións
Ana Moreiras, coas súas ilustracións
'Alamarzo' é o título dunha crónica destos días marcados polo coronavirus

Está pasando este confinamento en Lira, no municipio coruñés de Carnota, pero o corazón de Ana Moreiras está en Burela. "Boto de menos a miña familia e os meus amigos, porque todos os meses vou á casa e aproveito para estar cuns e outros pero agora mesmo isto estase alongando", recoñece esta profesora de secundaria que decidiu dedicar parte destes días extranos para todos a unha das súas paixóns, o debuxo, e darlle vida así ás súas reflexións a través de ilustracións. Así nace Alarmarzo, unha crónica en banda deseñada. "Fíxeno por levar a miña crónica e recordar todo isto co tempo e porque tamén me gusta debuxar e, de repente, agora teño máis tempo", asegura a autora dunhas historias que colga nas redes sociais. "Ao principio colgabas en Instagram e Twitter, pero Instagram deixeino porque quedaba un pouco monótono", explica Moreiras que subliña que a iniciativa está tendo "unha boa acollida e moi bonita, dende distintos campos, dende xente de sindicatos, prensa, profesores ou sanitarios".

Moreiras explica que o contido diario de ‘Alarmarzo’ son as súas reflexións neste periodo: "Cada páxina é unha reflexión sobre cuestións que están en todas partes e que é o momento de plantexarse. Por exemplo, o modelo social actual, a atención que se presta aos maiores, o que está pasando nas residencias da terceira idade, a xente que non se atreve a ir ao centro médico, a diferenza de pasar estes días entre un neno que pode sair á horta e nun piso en Madrid... son varias historias das que eu coñezo casos e das que case todos temos exemplos".

A autora desta historia recoñece que non é sinxelo plasmar todo isto con ilustracións, "pero tamén penso que resulta máis interesante e máis divertido". "Non son ilustradora profesional nin escritora e debuxo con máis permisividade", asegura.

Non é esta a primeira experiencia de Moreiras coa ilustración. Xa ten publicada a obra gráfica ‘Madialeva’, once relatos ilustrados que narran as historias de mulleres do rural de Friol dos últimos cen anos. "Son todas parentas e contan as súas historias do día a día", explica Moreiras que avanza que en breve sairá a segunda edición. "A verdade é que tivo moi boa acollida, non me queixo", di.

Polo momento, descarga a súa vea de debuxante en Alarmarzo, que recoñece que acabará cando acabe o confinamento, pero xa lle está dando voltas a unha nova historia que plasmar coas súas viñetas: "Aínda é cedo para falar dela, pero quero que estea relacionada coa xente de Vilaformán, en Trabada".

Ademais de dedicarse a debuxar, Moreiras ten que seguir coas clases aos seus alumnos de 3º e 4º de Eso, aos que lles imparte Tecnoloxía, a través de internet.

"Lévoo ben porque a meirande parte dos meus alumnos teñen equipos informáticos ou móbiles cos que poden traballar, pero aínda así falta ese componente presencial das aulas que para min é importante, pero a nivel virtual pódense facer cousas", asegura.

A profesora burelá Ana Moreiras ilustra as súas reflexións durante...
Comentarios