jueves. 19.05.2022 |
El tiempo
jueves. 19.05.2022
El tiempo

A primeira vez de 'Nove de novembro'

Rodaxe de 'Nove de novembro' en Morás, en Xove. AMA
Rodaxe de 'Nove de novembro' en Morás, en Xove. AMA

O xovense Lázaro Louzao estrea este venres un filme de temática LGTBI en galego, o que resulta novidoso

A primeira película en galego de temática LGTBI (as siglas de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais) estrearase este venres ás 20.00 horas nos cines de Viveiro. Nove de novembro é un filme de Lázaro Louzao (Xove, 1988) nacido dunha campaña de micromecenado que lle permitiu reunir 30.000 euros, é o primeiro filme de temática LGTBI (as siglas de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais) gravado en galego.

Conta Lázaro Louzao que cando escribiu Nove de novembro, filmada o verán pasado entre A Coruña e Xove, non tiña intención de facer a primeira longa LGTBI en galego. "Xa tiña avanzado o proxecto cando souben que sería así. O certo é que o galego, se non o usamos para facer películas, cancións ou libros, desaparece, e a realidade das persoas que non somos heterosexuais, se non a relatamos, permanece invisibilizada".

O filme está protagonizado por Ademar Silvoso e Brais Yanek. Segue a Miguel e Roberto durante os once anos nos que se prolonga a súa relación amorosa e ten como data chave o día 9 de novembro de 1989, cando cae o muro de Berlín. "É a ruptura dunha parella nun mundo en descomposición".

A película atopouse coa negativa de Facebook para incluír o primeiro tráiler do filme como contido patrocinado. Louzao indicou que se remitiron a un "contido excesivo de pel" para argumentar a negativa. "A pel que se ven son caras, pescozos e brazos: na película vese moita máis carne, pero o tráiler é moi light. Estou convencido de que se fose un bico entre unha parella heterosexual non tería pasado nada".

Engadiu este realizador o "absurdo" da censura en Facebook, que considera inapropiados os peitos das mulleres que aleitan, pero non "os desfiles de Victoria"s Secret" e que moitas veces permite contidos "de violencia explícita, misóxinos ou homófobos". Non obstante, engade tamén que a censura —que aínda non foi levantada— foi unicamente para facer unha promoción pagada da película, pero non impediu a publicación do tráiler.

No tráiler que lle resultou excesivo ao algoritmo de Zuckerberg escóitase Lobos, de Davide Salvado. "Parece un tema feito para esta película e estoulle moi agradecido a Davide pola colaboración".

A primeira vez de 'Nove de novembro'
Comentarios