Luís Zahera: "Preocúpame moito o problema da censura, hai que rirse de todo"

Saltou á fama na mítica serie Mareas Vivas e a realidade é que dende alí non deixou de colarse nos fogares. Ás veces pola televisión con ‘Sin tetas no hay paraíso’, outras polo cine co yonqui de Celda 211. Pero o que máis lle gusta é facer teatro e hoxe farao en Burela.

Luís Zahera
photo_camera Luís Zahera

Quen queira ver a Luís Zahera en acción sobre as táboas dun escenario pode facelo hoxe a partires das nove da noite na casa da cultura de Burela. O seu espectáculo chámase ‘Chungo’ e fai un percorrido en ton de humor tanto pola súa vida como polo seu traballo de actor.

Tan chunga foi a súa carreira para chamarlle así ao espectáculo?
Non, oh! O que fago realmente é tentar poñerme en ridículo porque quería facer películas de morrear e acabei de yonqui en Celda 211. En realidade tiven unha carreira marabillos. O nome é unha tontería, Luís Zahera ridiculando a Luís Zahera.

E a profesión en xeral está tan chunga como din?
Home, si. É un traballo que depende... pois do azar. Hai esa estatística de que só o 8% dos actores viven desto que penso que é real e eso é terrible. Non é que sexa algo chungo, é que é terrible. Aquelo dos quince minutos de fama agora desbocouse. Cando eu arranquei nesto estaba a TVG e pouco máis. Agora hai dezaséis mil. É un tema complicado que non sei analizar moi ben, pero calquera tempo pasado foi mellor. Agora, mi má... Se tés dezaoito anos e queres vivir desto, non sei como vas facer.

Vostede, visto desde fóra, non se pode queixar.
Para nada. Eu teño 51 anos e son un privilexiado. Pero tamén había vento a favor cando eu arranquei con Tosar, De Lira, Carlos Blanco... A día de hoxe eu son pesimista. Sempre o son, pero si que estou convencido de que eran mellores tempos aqueles e xa digo que non me queixo porque vivo moi ben.

É un actor ao que se lle pode ver en multitude de rexistros. Onde se atopa máis a gusto: no teatro, no cine ou na televisión?
O que máis me gusta é o teatro, pero é o que menos fago. Agora encetamos unha nova obra. Fixen bastante televisión como Mareas Vivas, Sin tetas no hay paraíso, e seguín. Pero realmente é no teatro no que estou máis a gusto.

Non é moi cansado actuar días nos que ao mellor está a disgusto ou ten problemas persoais?
Pero iso pásalle a todo o mundo! Eu estou contento do que vivo. É un traballo artístico e corres certo risco, iso si. Hai que esforzarse porque a xente mira para ti a un paso de ti, aplauden de verdade, aplauden de mentira, e eso é o máximo para o meu gusto. Hai xente que non, eh? Hai actores que me din que na representación número dez xa están aburridos. Eu non, ao contrario.

Está acadando algo que poucos actores galegos acadan, que é sacar a cabeza en películas de distribución estatal. É algo que xurdíu de casualidade ou no que está empeñado?
Nesta profesión está o azar, a sorte... eu que sei! Cantos haberá coma min que non tiveron a miña sorte? A min foime así, collín esa onda. No noventa e poucos facíanse sesenta curtas ao ano e hoxe creo que máis de seis mil. Ao chegar a ese número, estatísticamente entón tiñas máis posibilidades de chegar que Pepito Pérez agora, que sae nunha curta e é igual de bo ou malo ca min.

É complicado saír deses papeis de tipo ‘chungo’ dos que precisamente fala no seu monólogo?
É que eu case sempre fago de actor de reparto e de malo. Se queres teñen máis escolla os ‘protas’ como Javier Bardem, Tosar, Eduard Fernández... Eles poden escoller máis. Os secundarios témolo máis complicado. Pero o problema máis importante é non traballar. Eso de queixarse porque estou aquí pero quería estar noutro lado... para min non vale. Mira tío, polo menos tés traballo. Como dicía Currás en Mareas Vivas: "Os actores damos puta pena se pensamos que somos a ostia".

Está empezando a repensar non meterse con ninguén que poida ‘sentirse agraviado’ visto como se están poñendo as cousas coas denuncias?
Esa si que é unha tendencia preocupante. Hai certa censura que non debería de existir porque o humor non ten límites. Hai que rirse de practicamente todo, non pasa nada. E o problema máis grave é cando entras na autocensura. Se te van censurar, que sexan outros, non ti mesmo. Eu incluso estaría a favor do pataleo no teatro se alguén se incomoda. Pero esto de instalarse no xulgado, que hai que quitar obras de arte dos museos... A min paréceme algo como cando estudaba aquelo da ‘arte dexenerada’. Paréceme algo moi perigoso todo isto. e non quero sentar cátedra, pero si creo que hai que rirse de case todo.

Pásalle coma outros dos seus colegas que din que ás veces a xente non entende o humor galego fóra de aquí?
Nunca o levei fóra. Teño unha cousa provinciana, de acojonado... Eu fágoo aquí porque é moi local, moi de Mareas Vivas, de Luar...

Sobrevivirá o cinema?
Creo que as manifestacións culturais sempre sobreviven. Eu que vivín a transición, no ano 76 había non sei cantos espectáculos á semana en Compostela e agora non os hai. Pero os meus sobriños consumen moito arte en Youtube. Así que o cine sobrevivirá. Hai 16.000 anos pintaban bisontes nas covas e hoxendía seguimos pintando. Eu, que son moi pesimista, neso son optimista. A vida sempre acaba abríndose camiño, e penso que a cultura tamén. 

Comentarios