Preocupación pola falta de vixiancia nas Catedrais durante a ponte festiva

Algúns ribadenses advertiron do xentío que houbo o pasado sábado, con libre acceso ás grutas e sen que mediara ningún tipo de control

Visitantes na praia das Catedrais. AMA
photo_camera Visitantes na praia das Catedrais o sábado 13 de outubro. AMA

"Como é posible que houbera o pasado sábado un xentío nas Catedrais sen ningún tipo de control das visitas?", sinalan algúns ribadenses, preocupados tanto pola conservación do enclave, como polos accidentes que podan acontecer. Durante a pasada ponte festiva, foron numerosos os turistas que se achegaron ata o monumento natural. O día 13, nunha xornada na que o ciclón Leslie ameazaba con choivas e vento, o areal acolleu moitas visitas que tiñan libre acceso á parte alta dos arcos, grutas e covas, como na que falecera unha turista por mor dunha rocha que se desprendeu, na Semana Santa.

Os xeólogos levan tempo advertindo da perigrosidade de achegarse ás formacións de rochas da praia, sobre todo despois de xornadas de choiva e vento, que son as que máis debilitan unha superficie de por si susceptible aos desprendementos, dos que por certo, advirten numerosos carteis instalados na entrada á praia.

Sen os guías contratados pola Xunta para controlar o acceso á praia durante os veráns e a Semana Santa, e sen os socorristas da tempada estival, non hai quen coloque a diario as cintas que prohibían o acceso ás dúas covas máis perigosas. Hai carteis atornillados a algunha delas, advertindo do perigo de derrube, pero polo momento, non hai prohibicións expresas, xa que non está claro que administración vai prohibilo -Estado, Xunta ou Concello-.

A Consellería de Medio Ambiente da Xunta, encargada da conservación da paisaxe, dispón que pasen pola zona os seus axentes medioambientais sobre todo as fines de semana, pero segundo os veciños, semellan ser insuficientes durante as pontes festivas.

Por outra banda, o Concello mantén durante as fines de semana de máis afluencia, visitas turísticas e dispón da apertura da oficina de turismo ubicada no enclave. Pero o control do acceso mediante o pase gratuíto xa non volverá efectuarse ata a vindeira Semana Santa, coa ausencias dos guías e dos socorristas que informaban a pé de praia dos perigos.

Comentarios