O premio de novela Vilar Ponte, un "final perfecto" para o seu ganador

Óscar Guzmán amosou a súa ledicia por levar este galardón, que non agardaba, pola súa segunda novela, Pero... como morren as pegas?. A finalista foi María Cristina Rey Vázquez
undefined
photo_camera Premiados e representantes locais, antes da entrega do Vilar Ponte, en Viveiro. ÁLVEZ

A cultura e literatura galegas estiveron de celebración onte no sempre acolledor teatro Pastor Díaz de Viveiro coa entrega do premio de novela Vilar Ponte convocado polo Concello e que tivo como ganador nesta quinta edición ao ourensán Óscar Manuel Guzmán Álvarez coa novela policiaca Pero... como morren as pegas?. Finalista foi María Cristina Rey Vázquez cunha historia colonial titulada Letras azuis sobre formigón gris.

A frase de Charles Chaplin O tempo é o mellor autor, sempre encontra un final perfecto serviulle ao ganador para fiar o seu discurso de agradecemento ao Concello e ao xurado pola convocatoria dun certame deste tipo que enxalza a cultura galega. "Nin sequera eu, que son unha persoa que constrúe uns finais moi bos, fun capaz de imaxinar este final", comentaba o autor en referencia a ter ganado o Vilar Ponte, o primeiro e único concurso ao que presentou esta novela, a segunda que escribe tras publicar con éxito Os segredos de Teresa.

Lembrou ademais a emoción que sentiu cando lle deron a nova, que o pillou conducindo coa súa muller e fillo no coche, e que xusto onte se facía un ano de que a súa filla Alba presentaba a súa novela Xoaniña de Deus logo de ganar o premio Xuventude Crea. "Quizais non só o tempo escolla o mellor final, senón que ademais escolle os mellores guións, as mellores tramas", comentaba.

O acto estivo conducido polo humorista e actor de dobraxe Carlos Jiménez e nel interviu a alcaldesa, María Loureiro, quen felicitou ao gañador e á finalista e destacou na súa intervención a cada vez maior relevancia deste certame no eido cultural e literario galego, a elevada participación, con máis de vinte obras presentadas, e a calidade das ganadoras "e todo iso é a proba da consolidación" deste premio, algo que dixo anima ao Concello "a pensar xa na sexta edición deste certame literario". Tamén apuntou que transcorridos cinco anos desde a creación do mesmo, "o evento de hoxe (por este venres) confirma que estabamos no camiño atinado para impulsar a creación literaria galega". Do mesmo xeito, lembrou que o certame naceu en homenaxe aos irmáns Vilar Ponte, "ambos nados en Viveiro e que supuxeron un importante exemplo de impulso e defensa da nosa lingua".

Loureiro tamén destacou a cultura como "unha prioridade" do goberno local e destacou a axenda cutural coa que conta o concello.

Comentarios