O pregón de Francisco Narla abre o xoves a feira do libro de Foz

Haberá instalados oito casetas na praza Conde de Fontao da vila, que ofrecerán un 10% de desconto. A programación inclúe presentacións, sinaturas, concursos e sorteos

Feira do libro focega, o ano pasado. AMA
photo_camera Feira do libro focega, o ano pasado. AMA

O pregón do escritor Francisco Narla abrirá o xoves, ás sete da tarde, a feira do libro de Foz, que se desenvolverá na praza Conde de Fontao ata o domingo. Nesta edición haberá oito casetas  —Pedreira, Cortizas, Cartabón, Bahía, Nobel, Aenea e Editorial Galaxia, ademais da Deputación, que contará con publicacións editadas polo organismo provincial—. Ademais, a feira inclúe preto de 20 actividades como sinaturas e presentacións de libros, concursos e sorteos e os libros contarán cun desconto do 10%.

Está previsto que se presenten Islas Ciprianus de Pablo Mosquera, Gaiola aberta de Xoán Neira; Los caballeros negros y la corona verde de Félix Carreira, La aldea de Silvia Salgado, Atlantide. Muller D"Auga de Adela Figueroa, La negociación de Patricia Bernardo, Gotas de rocío, copos de neve de Finy Sesmonde, José Picado y Pérez de Julio Fernández-Sanguino e Hai mulleres do Otero Regal. Tamén estarán as sinaturas de Nunca fuimos buenos de Rocío López ou de Campos de batalla de Sonia Arias. Tamén asinará exemplares de Baleas e Baleas editado en 1988, a escritora focense Luisa Castro.

O recinto permanecerá aberto en horario de tarde, de cinco e media a dez da noite.

PRESENTACIÓN. O acto de presentación da cita, celebrado o luns na casa da cultura, contou coa presenza da coodinadora xeral da Federación de Libreiros de Galicia, Nani Regueira; coa delegada provincial de Cultura, María Carmen Gueimunde González; a deputada provincial, Pilar García Porto e o alcalde, Javier Castiñeira.

O recinto feiral permanecerá aberto ata o domingo en horario de cinco e media da tarde a dez da noite

Durante a súa intervención García Porto subliñou a achega de 3.000 euros do ente provincial en colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia co obxectivo "de apoiar e impulsar o sector editorial na provincia de Lugo". "Con esta nova feira do libro de Foz, colaboramos unha vez máis, con iniciativas que achegan á cidadanía unha parte fundamental da nosa cultura, como é a literatura, ao mesmo tempo que contribuímos ao impulso do noso idioma", engadiu.

Pola súa banda, o rexedor focego lembrou a aportación de 5.000 euros da administración local ao certame e destacou a figura do pregoeiro, "unha persoa moi coñecida e moi querida en Foz, case coma se fose un local". De feito, non será a primeira vez que Narla dea un pregón na localidad senón que xa fora o encargado de abrir unha das edicións da Festa Normanda.

Castiñeira tamén aproveitou para subliñar a actividade que lle espera á localidade durante esta fin de semana, xa que ademais da feira do libro será tamén a feira Fozmarket, "dous eventos que sen dúbida fan que esta sexa unha fin de semana moi interesante".

Comentarios