PP e PSOE denuncian que o lixo rebosa en contedores sen recoller

Esixen unha solución para evitar problemas de salubridade e de imaxe e afirman que se paga por unha recollida que se fai cunha semana de atraso

Imaxe do lixo acumulado en Ribadeo. AMA
photo_camera Imaxe do lixo acumulado en Ribadeo. AMA

A agrupación socialista ribadense e o grupo local do PP fanse eco das críticas veciñais polos "cheiros e as rúas con desperdicios sen recoller durante días". O portavoz socialista, César Fernández, reclama "unha solución xa" para o problema do traslado do lixo, tras quedar suspendida temporalmente a recollida selectiva, porque a empresa concesionaria non pode asumila por problemas financeiros.

Lixo en Ribadeo. AMAO PSOE critica que o Concello "era coñecedor da situación hai tres meses e non fixo nada e tivo que contratar de maneira urxente, por falta de organización, a unha empresa para realizar a recollida dos contedores amarelos, pero seguimos igual", advirte Fernández, quen engade que "levan unha semana sen facer o seu traballo, tanto no casco urbano, como nas parroquias", asegura.

"Tódolos veciños pagamos por ter un servizo importante que non se está ofrecendo e isto non pode seguir así", apostilla o PSOE.

O presidente da agrupación ribadense do PP, Jesús López Penabad, incide en que os contedores "amarelos e os azuis están sen recoller dende hai moito tempo, o que dá unha imaxe de Ribadeo lamentable, porque o municipio nunca estivo tan mal como agora". O concelleiro matiza que recibiu críticas da Rochela porque alí estiveron os orgánicos intactos "dende o xoves antes da festividade do Pilar ata o luns seguinte".

Penabad é consciente de que a empresa que se ocupaba do servizo quebrou pero "xa hai tempo diso e aínda o Concello segue sen unha solución. Non sei a profundidade do problema coas empresas, pero teñen solucionalo e deixar Ribadeo como se merece: limpo", dilles Penabad aos concelleiros do goberno local.

O lixo segue sen recollerse axeitadamente e en moitos lugares da vila, con negocios como supermercados ao redor, os contedores rebosan de xeito notable ata acumularse nas beirarrúas. Oposición e veciños reclaman unha solución inmediata.

Comentarios