Portos pide a peritaxe do antigo galpón de Viveiro sobre o que non hai acordo

A finalidade do estudio da nave radica en poder facer unha nova proposta ao titular da concesión

Galpóns de Viveiro. ÁLVEZ (AMA)
photo_camera Galpóns de Viveiro. ÁLVEZ (AMA)

O organismo público Portos de Galicia solicitou unha peritaxe a unha empresa externa coa finalidade de dispoñer dunha valoración independente do galpón existente no peirao antigo de Viveiro sobre o que aínda non hai acordo co actual concesionario. Trátase do procedemento ordinario que segue a entidade dependente da Consellería do Mar durante o proceso de negociación.

A finalidade do estudio sobre o uso e as dimensións da nave radica en poder facer unha nova proposta ao titular da concesión, que está vixente ata o ano 2023, polo que tamén deberá estimarse o tempo que falta ata o remate da mesma.

A contratación deste análise prodúcese logo de que o concesionario presentase unha alegación sobre a valoración económica que diverxe da oferta da entidade pública.

A peritaxe permitirá a Portos de Galicia facer unha nova proposta no mesmo sentido ou noutro distinto. En caso de persistir o desacordo entre ámbalas dúas partes, o expediente pasará ao Consello Consultivo, que será o encargado de dictaminar cal é o sistema máis axeitado de resolvelo. Isto suporía un retraso nos prazos de licitación e execución, pero dende Portos insisten en que o derrube levarase a cabo, porque existe vontade e un compromiso de acometelo.

Portos xa chegou a un acordo cos concesionarios doutras dúas naves, que aceptaron a tasación feita polos técnicos do organismo público.

O proxecto de demolición executarase en conxunto, posto que o proxecto redactado é único para os tres almacéns que aínda quedan en pé, mailo que quedou pendente de derrube cando se tirou a tanda anterior para non afectar á estabilidade dun colindante. Modificalo implicaría unha demora maior.

Más en A Mariña
Comentarios