Por partida doble

A Sacabeira loce unha mostra de chales de lá de Menchu Rubal e outra de reproducción de espazos en latas de conserva de Tareixa Lorenzo
Menchu (esquerda) e Tareixa, mostrando algunhas das obras. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Menchu (esquerda) e Tareixa, mostrando algunhas das obras. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A Sacabeira, en pleno corazón do complexo histórico artístico de Sargadelos, é un dos locais de moda da bisbarra onde, ademais dun pincho, as consumicións as podes tomar sempre acompañadas dalguna exposición, dobre ración neste mes de decembro, no que das paredes do local colgan chales de lá, feitos por Menchu Rubal e reproduccións en miniatura de estancias en latas de conserva ideadas por Tareixa Lorenzo. Dúas artistazas ás que lle costa presumir do seu gran talento que non deixa indiferente aos que se achegan ao establecemento.

Un espazo no que Tareixa é a primeira vez que expón, aínda que xusto á entrada do local gárdase unha das súas obras, que reproduce un dos rincóns do lugar, un agasallo da artista para Alba e Bruno, os donos de A Sacabeira.

Unha latiña que agora comparte escenario con outras nas que se ve a barra dun bar, co seu prato de polbo; un salón cun piano, coa partitura e espellos colgados nas paredes; unha sá de estar, coa mesa camilla e a vaixela de Sargadelos a ata a estancia dunha bruxa, onde non falta o gorro ou o libro de apócemas, nas que ata as páxinas pódense pasar porque se algo ten Tareixa é que leva o seu traballo á perfección extrema porque todos estes escenarios son reproduccións da vida real a escala lata de mexilón ou de atún, aínda que tamén as fai en caixas de viño, pero desas non expón desta volta, aínda que na casa "teño o garaxe do meu pai co dous cabalos no que aprendín a conducir", lembra.

Sorprende o realismo na recreación das miniaturas

"Foi algo aleatorio", conta a artista sobre os seus inicios no mundo do minimalismo, que arrincaron coa compra dun armariño que, tras meses gardado, volveu locir cheo de sabas, pero a Tareixa sóubolle a pouco e animouse facendo a reproducción de As gaivotas de Cabo Morás, o libro que escribira o seu irmán Xavier Lorenzo é que un recordo máis del.

Tanto esta como outras reproduccións dos libros que ten feitos como agasallos para os seus autores son case idénticos aos orixinais, coas páxinas correlativas e con ilustracións iguais ca dos grandes. Unha enfermidade da perfección, o que lle dá unha realidade tremenda a todo o que fai, pero sempre con detalles que fan únicos cada obra: fotografías reais, cadros de autores recoñecidos ou libros como a primeira edición de Follas Novas que se ve nunha caixiña.

"Sempre fun moito de manualidades, pero tardei en atopar o sublime", conta Tareixa, encantada con esta práctica coa que leva enredada tres anos e que a entusiasma porque "tocas moitas técnicas á vez" e, o que é mellor, "aprendes a perder o medo e experimentar", conta, sen esquecer que podería dicirse que padece un síndrome de dióxenes, tamén en miniatura, de todo el material que vai gardando na casa para poder reciclar, pois para a meirande parte das cousas que fai aproveita o refugallo, "e así consigo que teñan unha alma distinta, que sexan outra cousa", conta a artesá, que compra por litros a cola branca, un "milagre" co que sela cada un das cousiñas que compoñen a estampa.

O local de Sargadelos aposta por artistas e artesáns locais

Non se entera do tempo cando está cunha obra, pois "mentres estás traballando quedas absorto", di Tareixa e niso coincide coa súa compañeira de exposición, que é o terceiro decembro que leva ata A Sacabeira a súa pequena produción de chales de lá.

Tecer foi unha afección que aprendeu de nena grazas a unha tía, aínda que despois dun tempo de non tocar as agullas —sempre rectas, por certo— o retomou con entusiasmo. "Sérveme de terapia e axúdame moito", aínda que tivo que poñerse ao día, "porque hai moitas técnicas novas que son bastante complicadas", conta.

Nova é tamén a maneira de enfrentarse á calceta, pois "descubrín en internet un portal só para tecedoras no que hai miles de patróns e compro os que máis me interesan", di, aínda que a ela gústalle os máis coloridos. Ata A Sacabeira levou un poco de todo, e todo o exposto leva o nome da deseñadora que o fixo.

A cor das prendas procede de tinturas totalmente naturais

Uns traballos que di fai "para consumo propio, para a casa e para a xente do meu entorno" e tras os que agarda dar o paso a outras vertentes máis complicadas como os xerseis, para os que xa hai que adaptar mangas e tallas.

Menchu, de 58 anos de idade, aposta pola lá e o tintado natural e mesmo ten mercado a unha persoa que fai todo o proceso, dende coidar as ovellas.

Un proceso, o seu, o de transformar un fío nunha prenda chea de cores e harmonía e algo que abraia, pero que a ela ata lle relaxa, "e teño moita paciencia e non me importa desfacer", asegura, ao tempo que conta que en moitas ocasións pode calcetar vendo unha película porque é capaz de facelo cos ollos pechados.

Comentarios