A Pontenova creará un paseo vinculado á Festa da Troita a carón do Eo

Pedras de río gravadas lembrarán ás persoas que pasaron e pasarán pola celebración, que este ano se limita a un acto simbólico este sábado 
Pontenova
photo_camera Unha parte do paseo que discorre en paralelo ao Eo. JOSÉ Mª ÁLVEZ (AEP)

Din os que entenden que o Eo baixa estes días perfecto para a pesca, sobre todo con mosca. Pero este ano, os participantes nas competicións da Festa da Troita da Pontenova non poderán desfrutalo, polo mentos competindo, porque tiveron que ser anuladas por mor da pandemia. Con todo, algo de festa haberá este vindeiro sábado e ademais novidades.  

Dende o Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) puxeron en marcha unha iniciativa que se manterá co tempo para facer do paseo que discorre paralelo ao río un ‘paseo da fama’ da pesca. "Cada ano colocaremos dúas ou tres auténticas pedras de río cos nomes de persoas que pasaran pola Festa da Troita", explica o presidente do CIT, Francisco Javier Rois. Este ano, as pedras lembrarán a Joaquín España, director de Trofeo Pesca, falecido o ano pasado e a Luis Moirón, veciño do concello e asiduo ao río, tamén falecido. "Pouco a pouco vamos incluir tamén aos pregoeiros de cada ano e ás persoas que reciban a troita de ouro", engadiu Rois. 

Unhas troitas de ouro que este ano tampouco se darán. Aqueles que ían recibilas o ano pasado, recolleranas en 2022. O que si haberá é pregón, aínda que dun xeito diferente. Será a cargo do actor Juanjo Ballesta, que responderá unha entrevista sobre o mundo da pesca que será retransmitida polos altofalantes que se instalarán en distintos puntos da vila. Ademais da entrevista a Ballesta, a través dos altofalantes poderanse escoitar ata unha ducia delas a persoas que pasaron pola festa noutras edicións coma o periodista Miguel Piñeiro, o escritor Francisco Narla, ou o director do canal Caza y Pesca, Nacho Rojo. Falarán asimesmo o propio Francisco Javier Rois e o alcalde pontenovés, Darío Campos. "Tamén se vai poñer música ao longo de todo o día para dar animación nun día que debería ser de festa", asegura Rois. 

Ademais o día da Festa da Troita pode ser o día perfecto para visitar a aula de interpretación da pesca de salmónidos, que está situada na segunda planta da oficina de turismo, xusto enfrente do río. Na aula pódese ver diverso material vinculado á pesca do salmón, a troita e o reo, entre el curiosidades coma unha caña de bambú de 1900 ou varios carretes de madeira de 1910.

Comentarios