A gripe aviaria viaxa no mascato

Recollido no Barqueiro un mascato infectado no momento en que os grandes bandos pasan preto da costa na súa migración
Mascatos voando preto da costa da Mariña, durante a migración cara ao sur do pasado outono. X.LOMBARDERO
photo_camera Mascatos voando preto da costa da Mariña, durante a migración cara ao sur do pasado outono. X.LOMBARDERO

Aínda que durante os gromos do 2006 ao 2013 foi a ría de Ribadeo unha das áreas de vixilancia e medidas preventivas cos galiñeiros, nesta nova aparición da gripe aviaria H5N1 e N5N8, os casos en aves salvaxes e contaxios a domésticas rexistráranse en zonas de paso e lagoas do interior peninsular, ata que a finais de agosto se detectaron dous mascatos infectados en Galicia, un recollido a bordo dun pesqueiro en Cangas do Morrazo e outro nunha praia de Valdoviño. Agora a Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación cinco casos máis de gripe aviaria en mascatos, confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete. Un deles foi recollido no Barqueiro, en plena campaña de migración destas aves pola costa galega cara ao sur e cando son habituais os bandos no litoral mariñán, rozando as ondas e arrimando á costa co mal tempo.

Catro individuos de mascato (alcatraz común ou atlántico) recollidos en Ares, Doniños (Ferrol), Riazor (A Coruña) e O Barqueiro (Mañón), no marco do Plan de vixilancia da influencia aviaria, foron trasladadas aos centros de recuperación de fauna silvestre de Oleiros (A Coruña) e a localizada en Moaña foi derivada ao centro de Carballedo (Pontevedra). As cinco foron sacrificadas.

O mascato é unha ave mariña que nidifica no Atlántico norte, formando colonias de varios miles de parellas, e moitos exemplares novos migran cara ao sur e alcanzan augas subtropicais ou mesmo tropicais no oeste de África. Por iso, engadiu, nestes momentos estas aves atravesan as costas da península Ibérica no comezo do seu paso migratorio para invernar cara a Mauritania e o Golfo de Guinea.

Nas súas zonas habituais de residencia no Atlántico norte, as autoridades sanitarias notificaron numerosos casos de gripe aviaria nesta especie, posible orixe dos casos detectados agora en Galicia, relacionados coa migración anual destas aves cara ao sur. Suecia, Francia e Bélxica viñan notificando casos dende finais do 2020.

As autoridades aseguran que os exemplares da especie afectada son de hábitos exclusivamente mariños e non se aproximan en condicións normais á costa, Medio Rural lembrou a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridad nas explotacións avícolas, comerciais ou particulares. En Lugo, as ganderías de aves están sobre todo no sur provincial.

Recoméndase evitar o contacto con aves silvestres e intensificar a vixiancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres. Hai pouco, Medio Rural sinalaba que "non hay constancia de que o subtipo de virus que durante o último ano está afectando a Europa teña capacidade zoonótica significativa e a posibilidade de transmisión ás persoas é moi reducida". Ata o de agora detectáronse en España arredor de 60 casos, entre aves silvestres e domésticas, e nalgún caso en explotacións de pavos de Huelva ou Badaxoz.

Comentarios