En compañía de animais

Pablo Peláez: "Podía durmir fóra pero gústanos telo con nós"

Ronco é un cruce de mastín que se alegra ao ver xente, é tranquilo e pasa moito tempo durmindo, segundo o seu dono, Pablo Peláez ► Este can, que procede dunha aldea de Baleira, está a piques de cumprir tres anos. O seu dono di que é moi ‘dramático’ cando quere algo e non llo dás, "ponse a chorar". Púxolle Ronco pola gaita galega. Asegura que é áxil e atlético, aínda que pesa 40 quilos, "máis ben parece un can de palleiro grande", di.
Pablo e Judith xunto a Ronco. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Pablo e Judit xunto a Ronco. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O laurentino Pablo Peláez Campos púxolle Ronco ao seu mastín pola gaita. Agora vive en Sargadelos coa súa parella Judit e a gata Fusa, pero conta que na aldea seus pais sempre tiveron cans. Decantouse por un can grande, "porque sempre teñen menos sorte á hora de ser adoptados, pois hai que dedicarlles máis tempo". Eles decidiron castralo porque "se non van criar é mellor telos así, senón pásano mal, marcan o territorio e escapan da casa".

Ronco comparte o agarimo dos seus donos cunha gata dun ano, de Judit, á que tamén se acostumou Pablo. "Querémolos moito, crieime con animais e sempre estiven inmerso nesa cultura de coidalos. Con estes vivimos dun xeito máis especial, incluso dormen con nós na cama, polo que hai que estar limpando sempre. Sei que non é normal, pero cada un vive como lle dá a gana".

É consciente de que poden transmitir enfermidades, pero di que "as persoas tamén podemos pasárllelas, hai que coidar a limpeza e revisar que non teña nada, témoslle todas as vacinas ao día. Podía durmir fóra, pero gústanos telo con nós. Como lle deixe entrar, prefire durmir no sofá ou na cama". De feito, ten unha caseta e finca pechada, polo que "cando non estamos queda ceibe e ás veces métese nela ou nun alpendre", comenta.

Pablo Peláez fíxolle un seguro a terceiros "por se un día ataca a alguén, pero creo que non é de raza perigosa, non ten instinto agresivo. É moi tranquilo, ‘pachorro’ coma min. Alégrase moito cando ve xente e bota durmindo moito tempo, non é o típico hiperactivo. Téñoo acostumado a correr comigo. Todas as semanas sácoo a dar unha volta e tamén pasea cos meus sogros. Os animais se os coidas non son malos".

Pablo conta que tanto el como a súa parella personalizan cos animais. "Cando temos algo que nos preocupa poñemos na boca do can a resposta, é unha tontería, igual é infantil", razoa. "Para min é un aporte emocional moi bo, non penso en todos os valores que me inspira pero apórtame moitas cousas ao día que me satisfán. Se teño que ir de viaxe ou ela queda soa na casa, tes o apoio dun animal que sempre é fiel; unha persoa dácho, pero non da mesma forma. Non é como ter un xoguete, doulle a súa liberdade, o seu espazo, pero tamén sei que teño que coidar por onde o levo e que non moleste a ninguén".

Comentarios