A praia e as segundas residencias atraen a visitantes ata terrazas e paseos marítimos

Terraza de la Yenka, en Reinante. AMA
photo_camera Terraza de la Yenka, en Reinante. AMA

Unha fin de semana con sol, aínda que con vento nordés na Mariña, e sobre todo as ganas de gozar da beira do mar e as terrazas, atraeu ata a comarca a un bo número de propietarios de segundas residencias.

O disfrute das terrazas notouse especialmente en Foz, onde o paseo marítimo estivo concorrido, en Ribadeo e tamén en Viveiro onde lugares con amplo espazo para mesas e aparcadoiro, como o Restaurante Louzao, rexistraron gran animación. "O inicio da semana foi forte coa terraza e hoxe xa tivemos reservas para cear", sinalaba Jesús Louzao.

Grupos de mozos e algún maior aproveitaron para camiñar cara a San Roque. En Reinante, outro lugar emblemático de praia e turismo, a terraza da Yenka tamén estivo a tope no seu novo aforamento, do mesmo xeito que a do Mesón A Parrilla, en San Miguel, a outra terraza aberta en Barreiros. "Vexo bastantes casas abertas esta fin de semana e moitos nenos en bicicleta que non son habituais aquí", sinalou Andrés Bourio, residente no municipio.

Tamén puido verse xente gozando do Souto, en Cervo, onde O Caseto de Copa ten agora terraza e chegaron visitantes a zonas interiores como Lourenzá e Mondoñedo para gozar da fin de semana.

De novo, foron os paseos marítimos os máis concorridos. En Burela, volveu ser utilizado de mañá e tarde por moitos deportistas e veciños, a pesar do vento. Non faltou quen se mollou un pouco os pés na praia. Aos habituais cara á Marosa sumáronse os ciclistas, que teñen carril propio e na Costa chegaron grupos de motociclistas e algunhas furgonetas de cámping.

Comentarios