A Plataforma sanitaria fará unha nova manifestación o día 1 de marzo en Burela

A marcha sairá do Hospital da Costa cara a Praza do Concello. Din que hai ecocardiogramas con esperas de máis dun ano e cirurxías sen citas

Rolda de prensa da Plataforma sanitaria en Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Rolda de prensa da Plataforma sanitaria en Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A Plataforma que reclama o mantemento da área sanitaria da Mariña e a retirada do proxecto de modificación da Lei de Saúde de Galicia convocou para o xoves 1 de marzo ás 8 da tarde outra manifestación que sairá do Hospital da Costa e percorrerá as rúas de Burela, rematando na Praza do Concello.

"Facemos un chamamento a alcaldesas e alcaldes da comarca para que dean máxima difusión nos seus concellos, mobilizando ao maior número de persoas posibles", sinalaron na rolda de prensa na que reclamaron máis recursos humáns e materiais a Atención Primaria e que a ampliación do hospital vaia acompañada dunha ampliación real de servizos.

"Estamos asistindo ao desmantelamento a gran velocidade da Atención Primaria, porta de entrada ao sistema sanitario, con peche de consultas porque non se substitúen profesionais, constatándose ate 12 días de espera para unha cita nun centro de saúde", indicaron. Tamén denuncian que as consultas de Pedriatría nos ambulatorios están desbordadas e citaron os casos de Viveiro (que comparte con Ourol e O Vicedo), de Foz (que atende tambén a 300 nenos de Valadouro e Alfoz) y a pediatra de Barreiros (que atende aos de Mondoñedo e Lourenzá) e vai dúas horas, tres días á semana.

A Plataforma critica os datos de espera difundidos polo Sergas e di que sobrepasan con moito o permitido na recén estreada Lei de Garantías. "Temos documentada unha primeira cita para dermatoloxía cunha agarda de 7 meses, cando os datos oficiais cífranse en 38,7 días", din. Engaden que hai probas de esforzo or xirurxías vasculares sen cita e cun ano de espera ou ecocardiogramas cun ano de demora cando oficialmente son 15 días de agarda para estudos cardiolóxicos. Critican que se derive a Lugo a instalación de marcapasos, ou que non haxa enfermeira específica para educación de pacientes oncolóxicos e familiares. Tamén que sexan no Hula as vías rápidas para detectar precozmente 6 tipos de cancro, habendo en Burela Servizo Dixestivo.

Comentarios