domingo. 28.11.2021 |
El tiempo
domingo. 28.11.2021
El tiempo

Os pinceis que levan Mondoñedo polo mundo

José Pedro. EP
José Pedro. EP
O profesional José Pedro Gómez ten feito moitos recunchos do seu concello dentro dun amplo abano de obras nas que priman acuarelas

José Pedro Gómez é un mindoniense de Viloalle que se recorda sempre cun lapis na man. "Sempre debuxei, e raiei as libretas, os libros e ata as paredes da casa", lembra entre risas ao teléfono dende Madrid, onde vive dende hai trinta anos.

"Este ano cumprín 50 e a verdade é que xa levo máis aquí que aló, pero igual contan máis os de alí", asevera cunha gran morriña que se reflicte na súa obra, toda ela cargada de vivencias persoais e onde a natureza, a auga ou a néboa forman parte desas paisaxes que marcan esta última etapa das súas composicións. "Tiven épocas de retratos e de arquitectura, tanto rural como urbana, pero agora fago moitas paisaxes", clarexa. Ten Mondoñedo pintado dende todos os ángulos e recunchos, o que o converte nun gran embaixador da súa terra.

Un mundo, o da arte, ao que puido dedicarse como profesión, motivo polo que se estableceu en Madrid, porque "hai máis opcións de expoñer e vender". Un traslado que el aproveitou ao grande e iso que a nivel de vendas a cousa está regular. "España é un país onde se inviste pouco en arte, pero no que tampouco se valora", conta un artista que se formou en varias especialidades, pero que é autodidacta na acuarela, á que se adica maioritariamente.

Un home que non esquece os grandes mestres que tivo na súa cidade e que se recorda, xunto ao seu pai, embobado vendo facer a Vizoso retratos en servilletas de papel como se tal cousa, pero conserva tamén os coñecementos, a forza e a enerxía que lle transmitiu Puchades no instituto, o moito que lle ensinou Gacio e o que segue a aprender con Leivas.

Auga e néboa, moi presentes nas paisaxes das súas obras

Gómez conta nas redes cun espazo —www.plumillayacuarela.es— para expoñer e buscar unha saída ao seu traballo por internet. Unhas obras nas que hai cadros feitos con plumilla, outros nos que se mestura esta técnica coas acuarelas, pero son estas últimas as maioritarias e nas que traballa arreo dende o seu búnker.

Unha técnica da que fala con verdadeira paixón e que é a súa predilecta a pesares das dificultades que entraña. "Gústame porque me fai pensar e apenas hai marxe de erro. Hai que ter moi claro o que vas facer e telo pintado con antelación na cabeza".

Un deseño interior que é un primeiro paso dun completo ritual que empeza por cortar o papel (ten que ser de entre 300 e 600 gramos e el sempre usa algodón 100%), continúa co seu mollado de dez minutos e a súa montaxe nun bastidor para que seque "e quede como a pel dun tambor", asevera. Un paso ao que segue o máis máxico de todos, "o de fundir as cores na auga, colocar o cadro en horizontal e que a agua vaia flotando e as cores se decidan soas", conta, sabedor de que ese fondo será unico.

Unha improvisación que non se repite no resto do cadro, que José Pedro pinta por capas e onde sobresaen de maneira especial os detalles, polos que ten verdedeira obsesión. "O que me gusta das miñas obras é que a xente as poida ver de lonxe e que cando se achegue as poida seguir vendo, porque intento que cobren importancia os detalles", explica.

Os seus cadros pódense mirar ao lonxe e de cerca

Grazas a iso, algunhas das súas obras permiten que o espectador poida ver as fachadas do consistorio mindoniense ou do seminario de Santa Catalina ao completo, pois "pola cercanía dos edificios e as rúas estreitas non hai gran angular de fotógrafo que sexa capaz de mostralo tan cal", di.

EXPOSICIÓN. O martes fará a súa primeira exposición individual pospandemia, sinal de que a cousa empeza a recuperarse, e durante quince días terá exposta unha trintena de cadros na sede da Asociación Española de Pintores e Escultores, en Madrid. Unha entidade que tamén lle seleccionou unha obra que tivo exposta no Centro Cultural de Moncloa. "Un éxito ser escollido porque hai xente de toda España e un orgullo selo cunha imaxe da fervenza de Viloalle", recalca. Unha mostra do pasado outubro e que coincidiu no tempo con outra na galería Ulmacarisa, onde José Pedro colgou tres obras sobre o Románico.

O pintor mindoniense é moito de traballar en estudo, aínda que goza saíndo de cando en vez co seu carriño a pintar en exteriores e non é raro velo co seu cabalete formando parte dun grupo de retratistas que se xuntan para pintar e incluso co caderno en man xunto aos Urban Sketchers Madrid.

Gómez é un apaixoado tamén dos debuxos rápidos e é imperdoable non botar un vistazo aos seus cadernos de bitácora Mondoñedo Debuxado pois, como lle dixo unha vez un amigo mentres debuxaba fronte á Praza da Catedral, é das persoas que máis goza cando volve a Mondoñedo e aínda que o fai varias veces no ano lembra con penuria que por mor da pandemia estivo "17 meses" sen poder vir, demasiado tempo para un morriñoso de pro que desfruta "cos días de choiva e as néboas".

Vende na cidade camisetas e marcapáxinas co rosetón

Varias das súas obras relacionadas con Mondoñedo, todas orixinais, están á venda na tenda Tahures, xunto á oficina de turismo, onde tamén se poden atopar marcapáxinas cun skyline da cidade. "É un invento meu, que é unha cartolina recortada e dentro leva unha lámina cun rosetón transparente que cando se mira ao trasluz vese como se estiveses dentro da catedral", explica.

Un rosetón que é tamén un dos deseños que ten á venda en varias plataformas e que se pode estampar en camisetas, mochilas, bolsos… e que saíu dun capricho. "Eu quería unha camiseta con ese debuxo e como ningunha das fotos me convencía fixen unha composición dixital", conta, recordando que "gustou moito".

Os pinceis que levan Mondoñedo polo mundo
Comentarios